Nas fotos vése claramente o antes e despois de entrar as paleadoras, que acabaron con todo…
O alcalde da Coruña, Javier Losada, delfín de Paquiño Vázquez, ven de inagurar o Parque de Oza, no que pretende introducir varios modelos de xardíns, entre eles o xaponés…
Non se entende que metan as máquinas, arrasando con todo e facendo un desmonte a esgalla, existindo, como existe nesta zona un auténtico verxel, un monte autóctono con loureiros centenarios e piñeiros, no que non faltan castaños e noceiras, especies exóticas, bambú, araucanas, camelias, magnolios, palmeiras, castaños de indias. Unha flora e fauna incrible e imposible de recuperar se se perde. Tordos, merlos, pombas salvaxes, cucos, mouchos, entre outras moitas aves, niñan por estes pagos. Abondan os lirios silvestres, blancos e amarelos, os cogumelos, romero, nébeda, menta, tarais…
Que barbaridade! Incluso o parque está cheo de parras centenarias, que dan ricas uvas, limoeiros, laranxeiras, figueiras e árbores frutais, cuxos froitos recolectan libremente os veciños da zona…
Que deseperación de máquinas! Que desmedida ambición…
Xardín inglés, xaponés, francés? Para qué? A costa dun bosque galego? Por favor…
Nos claros do parque hai hortas e leiras atendidas garimosamente por persoas maiores, homes e mulleres de sacho no legón. Da xenio velos ao coidado de flores de todo tipo, leitugas, tomates, xudeas, árbores frutais…
Os xubilados reúnense tódolos días ao redor das hortas situadas tralo atrio da igrexa de Monelos, detrás do IES do mesmo nome…
Noutros países, en Alemaña e Francia concretamente, nas cidades, subvencionan a quen quere cultivar certos espacios públicos, pero aquí acaban con todo, cando sabemos que se pode compaxinar. Ata os vándalos, alias cultura do botellón salvaxe, respectan máis as hortas e xardíns públicos cas paleadoras. Os labregos xubilados prefiren cultivar unha mada de grelos, antes que xogar á petanca…
O parque de Oza coas súas numerosas fontes de pedra labrada só necesita unha limpeza a fondo, deixando libres os sendeiros e corredoiras naturais…
Que non nos vendan a moto! Van facer un parque, para abrirlle camiño ás inmobilarias, para legalizar as urbanizacións que xa están en marcha.
Mágoa de parque natural…
Seguirei coa miña teima, foto a foto, co que había, co que hai e co que van facer, e coa foto do depredador de quenda..
Eu non vou votar a ningún político que me cambie unha fraga galega por un parque xaponés, tal é o caso de Oza…
Ánimo coleguiñas, facede o mesmo hai que acabar coa Lei do cemento! Fina Roca.