Celeiro é un porto galego, da mariña luguesa (VIVEIRO), cunha flota pesqueira moi importante, onde habería que borrar do mapa as construccións salvaxes e un varadoiro que fixeron na praia co seu chorreo continuo noite e día. Un lugar ligado a pesca e industria conserveira, onde o alcalde da quenda e Costas, foron capaces de desfacer unha praia, a de Lavandeiras, para facer unha piscina cuberta. Os habitantes de celeiro chámanse popularmente os chilindrís. Con todo o pobo é un encanto e garda as súas tradicións, tal como a procesión marítima de Celeiro, como colofón das festas patronais en honor de Santiago e Santa Ana, que duran seis días. Pero, a procesión non é en honor dos santos patróns senón da virxe do Carme. Engalanan o percorrido da imaxe con alfombras de flores. A procesión realízase en dúas etapas. O día 28 de xullo trala misa solemne (7 e media da tarde) baixan a Virxe dende a igrexa parroquial ata a lonxa, facendo parada e fonda na Casa de Saleta para escoitar a Salve Mariñeira e diante do monumento ao náufrago do escultor viveirense Neira Broch. Contra as doce da noite entra na Lonxa de celeiro entre cantigas, pétalos de rosa e Vivas: Viva a Virxe do Carme e viva Celeiro…
Ao día seguinte, as once da mañá sae da lonxa para embarcar e face-la procesión marítima entre foguetes e sereas. Tódolos barcos están engalanados de proa a popa, agás o barco portador (O Anxuela) que estaba de loito pola recén morte do seu patrón, levaba abandeira a media asta e non tiña o código marítimo de bandeiras e gallardetes.
Os chilindrís asocian as festas coa bandeira nacional! Pasan da galega! Só ondea en algún barco e casa. Nin na Igrexa nin na procesión, nin no barco portador, que este ano foi o Anxuela, non ondeaba a bandeira galega…
Velaquí a bandeira nacional por doquier…
A procesión marítima de Celeiro:
A Virxe do Carme no momento de embarcar e O Bautista Pino acompañándoa en procesión. É costume xeralizada almorzar nos barcos invitados polo armador. O Bautista Pino estaba capitaneado por Francisco (Paco) López Fernández…
A familia Pino e amigos dentro do barco o día da procesión marítima
A travesía no barco foi inenarrable e inesquecible. Difícil de explicar o que se sinte cando pasas a bocana da ría, en procesión, seguindo ao Anxuela, nun arrastreiro…
A procesión atrae a diversos persoeiros, como o mindoniense Manolo Montero Rego, vestido de bispo. Disque foi o libreiro de cámara de Álvaro Cunqueiro, o inspirador do mago Merlín. As monxas do asilo, Sor María e sor Josefa, tampouco quixeron perder pancada da procesión marítima, son de Ourense i encántalles navegar:
Texto e fotos: Fina Roca