Eleccións sindicais no ensino público. Infantil. Primaria e Secundaria…

Ollo ao dato! O vindeiro 30 de novembro hai eleccións sindicais no ensino público, mal chamado ‘non universitario’, habida conta de que todos os profesores/as pasaron pola universidade, agás as bellas grorias de FP: expertos, mestres de taller, antigos peritos, que van de enxeñeiros superiores e obstentan grado de catedráticos; os mandamais dos IES cos seus horarios privilexiados, avaliados polas Centrais Sindicais maioritarias e Inspección da quenda…

Os Ciclos de FP, masculinizados por razóns históricas, empezan en outubro e acaban en maio, fronte a Primaria, ESO e Bacharelato, que ao estar feminizados (máis profesoras ca profesores) empezan un mes antes e rematan trinta días despois. Os Sindicatos calan…

 No meu centro impártense Ciclos Medios e Superiores de FP, ESO e Bacharelato. Un ano si e outro tamén, os mellores horarios pertenecen a un grupo minoriatario dos Ciclos Superiores de FP e Bachareleto. Tanto ten quen mande! Estes tíos e tías sempre se arriman ás Xuntas Directivas nomeadas a dedo pola Consellería de Educación, para manter os seus privilexiados horarios. Os lambecús, trepas e caudillos… 

Hai certo sector do profesorado que nunca fixo unha garda, nin unha titoría, nin ten un oco entre clase e clase! É dicir que entran as 8:50 e rematan a xornada laboral ás 12:50. Cando non teñen dous días a semana sen ningunha hora lectiva, ocupados con ‘cargitos‘, sen formar parte da Xunta Directiva… 

Confeso que, como funcionaria en activo da categoría A con 35 anos de servizos prestados, a piques de prexubilarme, tiña certa esperanza en aquilo de ‘Móvete Touriño’. Pero que va! Touriño non da arrincado, vai máis lento co coche de liña de Viveiro…  

No ensino estamos igual ca antes, con Fraga + Currás. Non se nota o cambio para nada, porque non hai cambio! Consolídanse as mamonadas precedentes. Seguen os mesmos cans con distintos colares. Demonizan aos profesores/as, que cren no que fan, colgándolles o San Benito de conflictivos, moscas colloeiras, vagos ou maleantes, e suben aos altares aos que non rascan bola, coa desculpa de que colaboran coa Dirección e votan sí a todas as súas propostas anque ronden a ilegalidade…

 Xa se sabe!

Quen ten maior carga horaria son os interinos e os funcionarios/as que non comungan con rodas de muíños. É o prezo que hai que pagar por ser libre e independente…  

Na profesión, como na vida, quérenos mudas e submisos! Comigo van de cachas! Nunca me asustaron os inquisidores, nin sequera os promotores inmobilarios, para canto máis os novos caudillitos e caudillitas democráticas nomeadas a dedo! Non teño reparo algún en plantarlles cara e así me vai. Pero, como me gusta o meu oficio, podo sobrevivir á estupidez humana… 

Se o propio goberno non se atreve a quita-la materia de Relixión de oferta obrigada ou mandala ao ábano das optativas, para non cabrear aos privelexiados varóns da Conferencia Episcopal, que viven a corpo de rei nos pazos arzobispais, pois, non é de estrañar que os inspectores ‘educativos’ do bipartito galego e os representantes sindicais, que son os mesmos/as que había antes de que socialistas e nacionalistas chegasen ao poder, pasen dos horarios e do cartel de ‘Medellín’ dos centros educativos.

No meu IES os horarios xeraias fíxeronse públicos por Santos e Defuntos! Como para facer un magosto con eles! Estiveron facéndoos e desfacéndoos ata que quedaron a gusto dos gurús de sempre. Hai xefes de departamentos casi unipersonais (con só dous profesores) con 9 e 10 horas lectivas, para quen inventaron cousas como ATS, REP, FCTC, MAN, MANT, EX ou PEN : non se sabe que significan algunhas siglas. Pero si sabemos que no están regulados como cargos orgánicos, como tamén sabemos as horas que ‘desgravan’ por cada cargo, xefatura de departamento ou titoría, pero, segundo o Xefe de estudios de diurno as/os profes que responden a ese raro patrón de acrónimos e siglas, están a quitarlle as castañas do lume á directora (que non da clases) xa que traballan sábados e domingos. Vamos! Como os chinos que descoñecen o descanso semanal…

Espero que os Sindicatos tomen nota, agora que estamos en campaña electoral. Se algunha candidatura desfai esta desfeita, votareina e pedirei o voto para ela…

 

Máis aínda, o Xefe de Estudios de nocturno, que libra 15 horas por cargo, NON DA UNHA SOA HORA LECTIVA, NIN FAI UNHA SOA GARDA NO NOCTURNO. Pero hai xefes de Departamento, que mandan no diurno e nocturno, que libran máis que calquera cargo directivo… 

Denunciar os privilexios e desigualdades nos centros educativos públicos, coido, que é un acto nulo de pleno dereito, porque ninguén fai caso das denuncias do profesorado, pero, como é tan fácil denunciar, cumpre facelo: abonda con facer copia dos horarios xerais con cargo a usos administrativos, marcar con fosforito as irregularidades, privilexios e resto de mamonadas, e mandalas, firmadas ou anonimamente, ao Delegado Provincial, Consellería de Educación, Centrais Sindicais, -ou por Fax dende o propio centro. Que pague o Estado! Coidadiño que pode haber horarios paralelos!- Incluso, podedes mandalos a esta bitácora se tedes medo á represalias, garanto o anonimato…

Neste blog, na lista de ligazóns, tedes o regulamento orgánico vixente dos centros educativos públicos e un formulario de suxestións e queixas…

 O normal sería que os inspectores investigaran a fondo, que para eso están, pero, cando visitan os centros, péchanse nos despachos cos membros das xuntas directivas e punto, ou limítanse a pedi-las programacións, que non valen para nada, cando non lle preguntan aos xefes de departamento, que tal se portan os profesores integrantes do mesmo, como se fosen espias…

Da Mesa Sectorial mellor non falar

Ollo! Se es ti, o denunciante, quen vai pola Inspección ou pola mesa, axiña se poñen en contacto cos directores/as nomeados a dedo e xa se sabe, pasarás de víctima a verdugo, agás esteas afiliado a algún Sindicato. Pero a tes clara como os infractores do teu centro educativo estean tamén afiliados aos sindicatos maioritarios, vanlle dar a razón a eles, porque son xente moi prestixiada, grazas as cabras tolas da lexión, que os apoian en todo… 

Menos mal que termos INTERNET, porque a Prensa tampouco se fai eco do mal roio que hai no Ensino Público mal chamado non universitario…

Ánimo coleguiñas, dignifiquemos o ensino público! Acabemos coa corrupción! Non máis cargos a dedo! FINA Roca.

?

Deixa unha resposta