A Igrexa de San Francisco de Viveiro, escenario perfecto para todo tipo de recitais líricos, vestiuse de gala (28-X-06) para concelebrar as vodas de ouro sacerdotais de Amado Aguiar e Aguiar, don Amado para todos/as… O altar maior estaba adornado con sete espectaculares ramos de lirios brancos e vermellos, cuxas follas afiadas e carnosas miraban cara ó ceo da bóveda de abanico, envolvendo ó Cristo crucificado e creando unha atmósfera de gran riqueza cromática, que se afundía coa vestimenta alba dos cregos e coa luz natural das cinco fiestras oxivais da ábsida gótica pentagonal, as ventás máis esveltas e grandiosas da arte conventual galega…
Don Amado, cal patrucio romano, sentado en cadeira de madeira tallada, á esquerda do altar, visiblemente emocionado, non paraba de leva-lo pano de peto ó nariz, para disimula-las bágoas das fazulas…
O Kirie Eleisón interpretado polo magnífico Coro parroquial e o Señor é o meu Pastor, interpretado maxistralmente, á capela, en galego, por Saleta, fixo estremecer a tódolos presentes, ateos, mouros e cristiáns. A Igrexa estaba abarrotada de xente do común de tódalas crenzas e idioloxías. O cura parroquial, o vicario xeral e Juan, o fillo de Lucita Gabeiras, fixeron as honras e lores, lendo comunicados de adhesión, como o de monseñor Manuel Sánchez Monje, amén de agasallar a don Amado cun cruceiro de prata en nome da parroquia. Mari Carmen Chipe leu a Carta dos Corintios…
Máis, sen lugar a dúbidas, o momento máis emocionante do acto eucarístico foi a Ofrenda Litúrxica realizada por sor Herminia, sor Irene e don Ángel Rodríguez, o ex director da escola de Mestría Industrial de Viveiro, subliñando deste xeito dúas facetas do homenaxeado: profesor e capelán do asilo…
Non é doado narrar a entrada en escena das dúas monxiñas do asilo, pequeniñas elas, cubertas da cabeza ós pes cun hábito negro, feo, cal burka islámico, que só deixaba ó descuberto a cara, portando nas mans as ofrendas litúrxicas, avanzando lentamente ó altar maior, no medio dun silencio sepulcral, esbozando un tímido sorriso, como pedindo perdón por estar alí. Don Amado, o da misa de once, rompendo o protocolo coma sempre, saíu ó encontro daquelas mulleres, afundíndose nun confesional abrazo, mentres don Ánxel asistía ó evento súper emocionado, cunha vela na man…
Trala Misa de acción de grazas, máis de 200 persoas acudiron ó banquete ‘nupcial’ no que non faltou de nada, agás os puros. Os comunicados de solidaridade e resto de agasallos continuaron tralos postres. Don Amado foi quen de saudar mesa por mesa e retratarse con todos os comensais, que lle entregaron unha fermosa placa de prata, obra de recoñecidos xoieiros viveirenses…
O homenaxeado, como el mesmo recoñecía, sempre fixo gala de mal xenio, pero dou fe de que nunca presumiu de modelo de virtudes! Varias xeracións de profes, que compartimos aula con el, estabamos alí. Para rematar o 50 aniversario, un coro celestial, capitaneado por Pepe do Galicia, cantoulle aquilo de ‘Amado mío…’ Fina Roca.
Publicado no Heraldo de Viveiro o 3 de novembro de 2006.