Fotos e texto: Fina Roca
A praia de Sacido (Galicia), situada no extremo occidental do paseo marítimo de Viveiro (Lugo), é unha fermosisima cala de area moi fina e branca de 90 metros cadrados, que está rodeada dun gran acantilado e pequenos cantís mariños cubertos coa vexetación propia da ribeira viveiresa: piñeiros bravos, xestas, abruñeiros (os endrinos casteláns cos qu se fai o Pacharán), loureiros, silvas, moreiras, fentos rizados, fungos, toxos e flores silvestres, como liririos e madreselvas, e todas cantas flores hai relacionadas coas herbas de San Xoan: ruda, herba Luísa, fiúncho, lavanda, espadeira…
Cala de Sacido
Na beira das 144 escaleiras da praia, único camiño de acceso, aínda podemos ver entre as herbas, os saborosos careixóns (fresas silvestres), temén chamados cacareixós, amorodos, morotes ou morangos…
Escaleiras de acceso á cala de Sacido
Confeso a miña fidelidade por esta praia e pola ‘piscina’ de Xaime, un remanso natural de auga salgada na que da gloria bañarse…
Outrora, os cativos e cativas, agachabamos entre as rocas e loureiros unha lata grande de marmelo, para cociñar nas brasas o que collíamos coas nosas propias mans: mexillóns, minchas, nocos, cangrexos, camaróns, ourizos, navallas ou longueiróns. Pasabámolo en grande! E sempre había algún mariñeiro coa súa dona botando a rapeta, para xunta-lo peixe. Daquela non había paseos marítimos, nin espigón desmesurado, nin ‘salgueiros’ con minigolf…
Pero, como poderoso señor é don Diñeiro! Acabaron poñéndolle reixas ao monte beneficiando aos Salgueiros a conta dos carballos, castaños e piñeiros. O Motel as Sirenas ten unhas vistas fabulosas, pero o acantilado vaise ao carallo:
(Reixas a escasos metros do acantilado. Os Salguieros -donos do Motel as Sirenas- cercaron o monte con alambradas para facer piscinas e minigolfs, esquecéndose do señorío de paso e pechando ao mar os ancestrais camiños públicos…)
Como cada ano hai máis obras coa conseguinte poda de ábores, os desprendementos e a erosión están servidas. Para corroborar o que digo abonda con darse un garbeo ata Sacido no coche de San Fernando. Non só observaredes en directo as fochancas de medio metro de ancho tapadas cunha semple valla metálica, senón tamén o peche do único camiño público que había ao final do paseo marítimo, para favorecer a construcción de 90 apartamentos turísticos. E iso que agora mandan os outros…
De seguir así van urbanizar a Colleira.
Fochancas no paseo marítimo e desmesuradas talas para favorecer as vistas dos novos apartamentos a escasos metros do acantilado…
Camiños públicos pechados a cal e canto
Artigo publicado no Heraldo de Viveiro (20 de jullo de 2007)