Pon unha oposición na túa vida…

Os mal chamados profesores ‘non universitarios’ están a examinarse para conseguir unha praza de mestre de Infantil e Primaria, ou de Secundaria…

E digo ‘mal chamados non universitarios’, porque todos/as pasaron pola universidade, cando non teñen un doutorado ou tropecentos másters. Claro que, para ser profe de Infantil, Primaria e Secundaria, non basta con ter tropecentos títulos, hai que ter vocación de ensinante, xa que alumnos e xuntas directivas nomeadas a dedo poden acabar coa paciencia de calquera. Non son os máis preparados, -quen ten dominio de aula e vocación- os que acceden ao ensino público, senón quen máis enchufes ten.  A preparación académica depende dos cartos e ata os máis burros poden adquirir títulos. Na privada, cómpranse as prazas, dependendo do centro, constituído en cooperativa, pero subvencionado polo Estado, unha praza de profe está nos tres quilos mínimo…

Antes os ricos invertían nos bancos para empregar aos fillos ‘tontos’, aos que non valían para estudiar, e ás fillas buscábanlles un marido con posibles. Agora inverten en Política (subvencionando partidos) ou en Educación, pagándolles másters e cursos no estranxeiro a esgalla, baremables, para facelos funcionarios docentes, cando non valen para o Senado…

Vocacións docentes hai poucas! Xunta, tribunais e sindicatos seguen a exercer o corporativismo i enchufismo. Dende que as oposicións son autonómicas, quen máis quen menos, ten un parente nun tribunal, ou catro paisanos da súa parroquia. Quen ten padriños sálvase, quen non os ten, ten que ser o número un en todo…

Das 18.000 persoas que aspiran a unha praza das 3.125 ofertadas pola Consellería de Educación da Xunta de Galiza, o 60% son interinos/as. Entraron pola porta de atrás, presentándose a unha oposición e suspendéndoa. Das listas de suspensos, que non sempre son transparentes, e corren cando non deben, saen os futuros profes substitutos e interinos. Os interinos, para gaña-la oposición, só teñen que presentar e defender unha programación.

Pois ben! 500 interinos da presente convocatoria foron excluídos das oposicións por non axustarse a dereito a programación presentada, segundo ás normas da Consellería de Educación.

E van e montan en cólera, non só os excluídos, senón os Sindicatos…

Manda truco na Habana! Non se explica que os Sindicatos do Ensino armen a Marimorena a favor dos excluídos en contra dos tribunais docentes, que por primeira vez fan o que deben: axustarse a normativa vixente. De seguro que teñen algún fillo entre os excluídos, cando non son eles mesmos, os sindicalistas, os que quedaron fóra do sistema…

Están excluídos e punto! Que cada quen presente o seu propio recurso. Non é de recibo que a Consellería veña de garantirlles o posto de traballo para o próximo ano aos 500 excluídos por facer mal a programación, para evitar o coñazo dos sindicatos…

Os opositores restantes, os non excluídos, non teñen quen os defenda. Deben loitar por esas 500 prazas a maiores, recorrendo, incluso, aos tribunais de xustiza, porque, ao non estar excluídos, suponse que fixeron as cousas ben, pero van suspender por falta de prazas…

500 prazas máis non é moco de pavo…

Máis ainda, os opositores non presentados, no caso de que lle dean a razón á totalidade dos excluídos, deben reivindicar o seu dereito a permeanecer nas listas de contratación por agravio comparativo e favoritismo manifesto…

Vamos! Non ten sentido que, as mulleres embarazadas, a piques de dar a luz, aspirantes a unha praza na rama sanitaria, non tiveran ningunha prevenda á hora de examinarse, pero queren favorecer a 500 interinos, que fixeron mal a programación. Se o requisito indispensable para optar ás devanditas prazas era facer unha programación e fixéronna mal, pois a outra cousa: ás colas do desempleo, por exemplo! Como o resto de galegos e galegas que traballan na Hostelería ou construcción, malia ter carreiras universitarias…

 Basta xa de favoritismos! En Galicia, coma sempre, quen ten padriños sálvase e quen non os ten, vaise ao carallo…

Para confirmar o que digo, abonda con observa-la lista dos futuros aprobados, ou interinos. Quen máis, quen menos, os/as profes, teñen un fillo/a examinándose, e son os profes os que forman parte dos tribunais. Nun mesmo IES pode haber catro ou máis membros dos tribunais. Todos nos coñecemos… 

Así funciona:

-Eu vou de vocal, ou presidenta, a Matemática, pero ti vas a Lingua, onde está matriculado o meu fillo, ti apróbao, ou dalle boa nota para que quede nas listas de contratación. Eu farei o mesmo pola túa sobriña…

Como funcionan as listas?

Así:

-Sintoo, pero pasou o seu turno, cansámonos de chamalo e mandarlle comunicados sen que vosteda nos respondera.

-Nunca nada recibín! 

Coas listas hai que esta ao loro, non é o mesmo facer unha substitución de seis meses que de quince días. Todo depende do controlador de turno, de como corren sen que os ‘sen padriños’ se decaten.

No Ensino, como nas notarías, o corporativismo existe co visto bo dos Sindicatos desclasados…

 Fina Roca

Deixa unha resposta