Atún vermello e Bonito do Norte

WWF/Adena ven de presentar no Comité de Pesca do Parlamento Europeo os datos da campaña pesqueira de 2006, facendo fincapé nas actividades ilegais que están a acabar de maneira alarmante cos caladeiros de ‘atún rojo’ no Mediterráneo; non só pola sobrepesca, senón tamén pola proliferación de granxas mariñas, que están a ocupar tantos ou máis espacios naturais ca enerxía eólica, para satisfacer os gustos culinarios dos estadounidenses e nipóns, que lle dan ó sushi e sashimi coma os borrachos ó viño peleón…

Ó parecer, certos ‘granxeiros piscícolas’ de Croacia, Malta, España e Turquía, capturan de forma ilegal centos de miles de crias de atún en liberdade para crialas nos criadeiros artificiais, en grandes tanques de auga, cebándoas en cautividade coas modernas técnicas da acuicultura informatizada, como se fosen os capóns de Vilalba, para a súa posterior comercialización en fresco i enlatado…

Grazas ás técnica de engorde, multiplícase por 15.000 toneladas anuais a producción de atún en cautividade, descendendo en 22.000 a producción do peixe en liberdade. Vamos! Como os rodaballos, robalizas ou troitas, que desapareceron do mapa, debido os recheos das rías e ríos, para facer urbanizacións, pero que se venden a esgalla nos hipermercados a prezos desorbitados, malia que saben ó penso das piscifactorías…

Namentres Adena insta á Comisión Europea para protexe-lo atún do Mediterráneo, en Galiza, o Bonito do Norte, que nada lle ten que envexar en sabor ó atún vermello, ten prezos de risa (entre tres e catro euros quilo): o bonito vai máis barato co polvo e, incluso, cas sardiñas e chicharros, ata que cheguen as granxas de engorde a San Cibrán. Claro!

Bonitos e atunes son curmáns! Desplázanse en grupos, son gregarios e necesitan nadar continuamente recorrendo grandes espacios abertos porque carecen de vexiga natatoria. Capturalos en estado salvaxe para cebalos en granxas acuíferas é contra natura! Que barbaridade! De aí a importancia da denuncia de Adena ante a UE, (http://www.wwf.es) que segue sen reaccionar ante as xustas reclamacións dos científicos, ecoloxistas e pescadores. A situación é dura de roer! Se desaparece o atún vermello debido ó saqueo constante dos criadeiros e da pesca industrial, a culpa é dos gobernos correspondentes…

A costeira do bonito é unha das mellores cousas que temos por estes pagos, os barcos galegos utilizan artes de pesca tradicionais garantindo así a calidade e frescura deste pez tan singular, sabroso e ‘lindo’… Unha ventresca de bonito á prancha sabe a Deus! Como vai barato hai que consumilo en fresco, ou mercalo para a súa conservación, cocido, conxelado ou precocinado…

Para ter bonito fresco perante o inverno (o bonito só se captura nos meses de verán) abonda con cocer os toros máis grandes en auga con sal, unha cebola enteira e unha folla de laurel seco. Unha vez cocido, en frío, quítanselle as espiñas e pel meténdoo en frascos de cristal de boca ancha, cortado en cachos e cubríndoo con aceite puro de oliva: para facer un bo salpicón (bonito+cebola picada+guisantes aliñados con aceite e vinagre) unha ensalada ou en salsa de tomate non hai cousa mellor que o bonito cocido en fábrica ou na casa. Conxelado non debe de estar máis de tres meses porque se oxida e non sabe ben…

Na costa luguesa nunca falta o bonito en roio para conmemora-las festas de agosto. Da choio facelo, pero paga a pena mercar un bonito de cinco o seis quilos para facer este esquisito prato: desmigalla-lo bonito en fresco sen que leve ningunha espiña e adóbalo con allo, sal e pirixel, engadirlle un pimento roxo e outro verde, non moi grandes, e un trozo de touciño con febra: todo moi ben picadiño (a cebola vai a gusto do consumidor). Mesturar e amasar cun par de ovos frescos e un pouco de pan raiado, ou miga de pan, para que ligue a masa. Facer os roios, como se fosen croquetas moi grandes, pasándoos primeiro pola fariña, logo polo ovo e pan raiado. Fritilos en abundante aceite de oliva, escurrilos e deixalos enfriar mentres facedes a salsa. Para facer a salsa: cocer as espiñas do bonito e maila cabeza en auga con sal, unha cebola e zanahorias. Reservar e colar: se trata de facer un abundante caldo limpo de peixe: unha fumé! Sofreir na tixola unha cebola grande, un tomate e un pimento en tiras, engadirlle unha pizca de pimentón doce e un chorro de vinagre. Mesturar esta salsa coa fume e cubri-los roios de bonito nunha tarteira grande. Poñer ó lume, primeiro forte e logo lento ata que o bonito se faga por dentro. Cando empece a ferver engadirlle un bo chorro de viño branco do Ribeiro. Para saber se está feito abonda con probar un cacho de bonito. Sérvese en rodaxas cuberto coa salsa tamizada e pirixel picado acompañado de patacas cocidas. Que non falte a ensalada de leituga, cebola e tomates!

Os roios, unha vez fritos, poden conxelarse e face-la salsa en calquera outra ocasión, ou conxelar aparte a devandita salsa. Recomendo facelo por etapas para non cansarse! Pola tarde facede os roios e maila fumé, e ó día seguinte o resto. Que aproveite! Fina Roca.

Deixa unha resposta