Segundo a decisión do Tribunal Constitucional a novela celiana La cruz de San Andrés, premio planeta 1994, ten que pasa-lo filtro dos tribunais para demostrar se houbo ou non houbo plaxio da novela de Formoso. Unha, celiana ata que Marinita Castaño, esa gran modelo de ‘virtudes’, entrou na vida de don Camilo, da fe, como profe de Literatura, que a Cruz de San Andrés é unha copia descarada da novela de Carmen Formoso Carmen, Carmela, Carmiña, tanto a nivel argumental, como textual. Vamos! Que teño moi claro, que Cela recibiu a obra sachada e mondada. Por suposto que, nin ó escritor, nin a súa segunda dona, nin ós capitoste do Planeta se lles pasou pola maxín, que a novela de Carmen estaba inscrita no Rexistro Mercantil dende o 15 de abril de 1994…
Cela escribía a man e desta obra non hai manuscrito. Era habitual no Premio Nóbel anunciar a bombo e platillo cada liña que escribía, facendo propaganda de se mesmo e da súa obra dende o primeiro intre que se puña a escribir, cousa que non pasou coa Cruz de San Andrés, o que nos sorprendeu ós seus seguidores/as, que se ben sabíamos que era habitual no escritor chorizar frases dos grandes das Letras (A Quevedo me remito na Familia de Pascual Duarte e outras…) e deitarse dos negros literarios, non menos certo era que tiña un estilo moi peculiar, que o facía inmortal, e que non estaba presente na Cruz de San Andrés. Cando lin a novela por primeira vez, recordo, que comentei cos meus alumnos e, incluso, escribín na miña habitual columna de El Mundo, que a Cruz de San Andrés parecía escrita por Marina Castaño, habida conta que era a peor novela de don Camilo…
Se rabuñamos un pouco nos premios literarios, sabemos, que están dados de antemán! Os membros dos xurados están tan vendidos coma os membros dun Tribunal de Oposicións a funcionarios da Xunta de Galicia. De aí a importancia de rexistra-los títulos de todo canto escribimos, xa que non podemos rexistrar o que sabemos…
Ánimo Carmen! Estás a facer historia, non te deixes impresionar polo poderío dos que mandan nas Letras. Escribe esta dura experiencia, non entres en crise, tes máis seguidoras das que te imaxinas, o teu caso non é o único, pero poucos escritores noveles poden recurrir ós tribunais, e moito menos as mulleres, na escrita non existe a pariedad…
A min chorizáronme ata a Teses Doutoral. As Carrachentas! Logo de gañar un premio etnográfico, que ían publicar, curiosamente, desapareceu do mapa e nunca o publicaron. Un día, tras acudir a unha táboa redonda sobre o tema, un dos conferenciantes, que vai de historiador e cronista, repetiu ó pe da letra o meu traballo de moitos anos: este homiño formaba parte da Xunta Directiva da Asociación Cultural que me dei o I premio… Nunha novela moi premiada hai frases enteiras dos persoeiros dunha novela miña, que presentei a un concurso literario, menos ambicioso có Planeta, cuxo presidente era o devandito escritor e, que, forma parte de tódolos xurados literarios por ter moito mando no ámbito cultural da xeografía nacional. O tempo pon a todos no seu sitio, pero, por se acaso, hai que novelar a estes persoeiros coa habitual retranca galega, neso andamos…
Por certo na fundación C. J. C. traballan os fillos/as dos negros literarios de don Camilo. Premio ós servicios prestados? Ou medo a que rachen co seu silencio..
Vai dende aquí as miñas felicitacións á escritora Carmen Formoso, porque defendendo o seu caso, nos defende a todas/os nós! Fina Roca.