Artigo de Fina Roca publicado no Heraldo (07/12/2023) sobre as consecuencias do urbanismo salvaxe no Litoral e nas Praias de Viveiro.

 

As praias de Celeiro e Viveiro

Dicíame Rolindes, nunha entrevista publicada no Heraldo (30/09/1994), que os concesionarios do varadoiro co visto bo do Concello, Costas e Portos, intentaron acabar coa pouca praia que lles quedaba en Celeiro, para facer un xardín cunha pasarela de cemento, porén as mulleres non llo permitiron: <<manifestámonos coas crianzas na praia ata que desistiron. Mira ti! Un xardín na praia?! En que cabeza cabe? Nin que fósemos parvas e non soubésemos que querían ampliar o varadoiro…>> Rolindes Baño Louzao (1934-2021) —mariñeira titulada, que durante tres décadas dedicouse á pesca artesanal de baixura, única armadora de Celeiro, memoria viva do sector pesqueiro europeo— loitaba polo areal urbano e doíase da perda das praias de Lavandeiras, Espiñeira, Golpes, Covas

En Celeiro levan máis de cincuenta anos pelexando cun varadoiro invasivo, instalado no medio da praia, a menos de quince metros das casas. Ten unha concesión Portuaria (17/09/1968) que vence dentro de catro anos (15/12/2027) cuxa solicitude de prórroga está sometida a información pública (17/08/2021). Daquela os barcos eran de madeira, tiñan pouca tonelaxe e pintábanse a man, pero agora son de aceiro, pesan 500 toneladas e contaminan máis que cando os carpinteiros de ribeira se encargaban da reparación e mantemento dos barcos de pesca, e necesitan máis espazo. Os varadoiros/estaleiros están sometidos á Normativa de Resgos Laborais, Saúde e Medio Ambiente, é dicir, que teñen que facer un control rigoroso, fiable e constante da contaminación acústica, emulsión de partículas nocivas e sistema de recollida de augas para evitar vertidos ao mar. A contaminación visual é evidente…

Nisto das concesións, quen ten padriños sálvase e quen non os ten, non! Na Casa-Barro de Viveiro —por poñer algún exemplo de concesións anuladas— os inquilinos, propietarios, empresarios e empregados foron desaloxados (2002) en tres días, sen ter resoltos tódolos recursos e sen dereito a ningún tipo de indemnización, vivenda ou negocio alternativos. Derruída no 2003, malia ser o último exemplo da arquitectura racionalista de tipo barco de Galiza, se cadra de España. Mandada construír (1930) por José Barro González (1873-1943), que foi quen de fabricar en Chavín o primeiro automóbil galego, entre outras moitas cousas…

Os cruces de acusacións, a falta de entendemento entre os partidos políticos do Concello, Portos, Xunta de Galicia e construtores sen escrúpulos acabaron coas praias. Na década dos setenta para facer a estrada de Viveiro a Celeiro pola costa —en lugar de arranxar a que xa existía polo Pirixel (LU-102) —sacrificaron a dos Golpes (raposos)  e a de Lavandeiras que non estorbaba ao trazado, pero había que recheala e racheárona.

En Celeiro morreron (mataron) as praias e a que queda está okupada por unha empresa privada… Se as de Celeiro morreron, as urbanas de Viveiro están feridas de  morte: Sacido situada ao pé dun acantilado está pechada aos usuarios (2019), non polos fenómenos meteorolóxicos, como proclaman algúns interesados, senón máis ben pola construcións dun paseo marítimo dende a desembocadura do río Loiba ata Sacido e dun complexo hoteleiro de 30.000 m² valados situado na parte máis alta do acantilado cunhas vistas panorámicas espléndidas. A execución das obras nun terreo de elevada pendente alteraron un hábitat típico das costas atlánticas e bálticas coa súa frondosa vexetación e árbores autóctonas. Tanto remexido de terras, desmontes, formigón, incendios intencionados e talas salvaxes, produciron a erosión dos cantís cos consabidos derrubes. Menos mal que, de momento, paralizaron a II fase do paseo marítimo dende Sacido ao miradoiro da Silvarosa, porque as consecuencias medioambientais serían desastrosas.

A cala máis linda de Viveiro está pechada ao público dende hai cinco anos, a de Seiramar é unha pedreira e a praia de Covas está ferida de morte dende que ampliaron o espigón de Celeiro (1983), que cambiou a dinámica das mareas e, non contentos con este, construíron outro en Viveiro de 850 metros² (1986) para canalizar o río Landro, cuxa canle chegaba maxestosa ata Celeiro. Na praia de Lavandeiras construíron unha piscina cuberta, un campo de fútbol e outro da festa, na dos Golpes unha Depuradora; na de Viveiro, entre outras moitas barbaridades, fixeron un campo de rugby no Cembedo e no navallal un xeriátrico xestionado pola empresa privada Domus VI que forma parte dun holding con capital voitre francés e inglés, cuxa empresa matriz está demandada polo alto índice de mortes nas súas residencias durante a pandemia.

O Concello de Viveiro, presidido por Melchor Roel (RIP), negociou (2007) con Sogaserso —Sociedade galega de Servizos sociais impulsada por Anxo Quintana (2006) durante o bipartito— a construción dunha residencia de maiores nun terreo de propiedade municipal na que tódalas prazas serían públicas (La Voz de Galicia 24/11/2007). Trala vitoria de Núñez Feijóo (2009), a Xunta despréndese do 45% das accións a favor de Geriatros de Caixanova —que participaba coa Caixa de Galicia co 55% restante.— A fusión das Caixas galegas de aforros (2010), impulsada tamén por Feijóo, formaron un novo banco (NovaCaixaGalicia) que acabou cos seus directivos no cárcere e vendido a prezo de saldo. A partir do 2014 a nova marca das caixas galegas pasa a ser A/Banca e a de Geriatros (2017) Domus VI. O xeriátrico da domus viveirense está asentado nun terreo de titularidade municipal. Ollo! Que como non  espabilen no Concello, transcorridos 30 anos da concesión, poderán mercar o mellor solar de Covas a prezo de saldo…

Celeiro ben merece unha praia e Viveiro recuperar as que ten feridas de morte. Fina Roca.

 

.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Deixa unha resposta