Carta aberta a Núñez Feijóo

 

Carta aberta ao presidente do PP

Quo vadis Alberto Núñez Feijóo!? Por que non queres amnistías para os acusados no procés? Pois xa me contarás como puideches chegar a presidente da Xunta de Galicia, senón amnistiasen e indultasen a tantos políticos e militares da túa vara trala Constitución do 1978: o punto final. Seica non sabes que o teu mestre e amigo Fraga Iribarne foi ministro e embaixador de Franco? Que me dis dos teus socios de investidura frustrada— VOX— que reivindican os crimes franquistas e negan a violencia vicaria? Despois de todo os cataláns só utilizaron as urnas para escrutar o que pensaban os cidadáns, nin mataron nin arruinaron a ninguén. Deberías ter dimitido cando vendiches, como presidente xunteiro, as residencias de maiores a un holding de empresas con fondos voitres de orixe francés e inglés —Domus VI— cuxa empresa matriz está demandada por desatención e polo gran número de mortos perante a COVID, xa sei que non che gusta, que a prensa fale de cando obrigaches a fusionar as Caixas —Caixa Galicia e Caixa Nova (2010)— para formar un Banco —NovaCaixaGalicia— que acabou cos seus dirixentes no cárcere, e que foi vendido a prezo de saldo. Recordas as Preferentes? Esquecícheste de que tan pronto chegaches ao poder, aumentaches as dotacións económicas ao ensino privado, suprimindo a gratuidade dos libros de texto no ensino público? Pero destas cousas non se fala na prensa tóxica. Pero tranquilo tronco! Cando queiras falamos de indultos disfrazados de absolucións, como o de Rodrigo Rato, por estar quen está no Tribunal Supremo, ou da Sanidade pública en Galicia. Mal que che pese non vas pasar a Historia como un político xusto e democrático, senón coma o presidente dun partido de dereitas, que por querer gobernar meteu no Parlamento e nas institucións á extrema dereita, e isto ningunha persoa con sentido común, en especial as mulleres, ímolo perdoar. Por certo, quero que saibas que eu non votei ao actual presidente en funcións do Estado Español, pero posta a elixir… Fina Roca

 

 

Deixa unha resposta