Entroido coruñés. Domingo 18 de febreiro de 2007…
O desfile do carnaval coruñés, dende a praza de Ourense ata a de María Pita, estaba anunciado para as cinco da tarde, pero a esa hora só estaba a xitana vendedora de globos (foto nº2) e algún que outro neno disfrazado, ou familias. Pouco a pouco fóronse xuntando as carrozas, comparsas e murgas no malecón, empezando a desfilar ás seis e media da tarde. En María Pita había dous palcos horrorosos, caixóns con rodas cubertos de plásticos negros, rodeados de focos e altofalantes, preparados para recibir a orquestra París de Noia...
Concentración no muelle
Fotos e texto: Fina Roca
O desfile de Entroido contou cunhas 20 carrozas e máis de 50 comparsas. Cando a raiña do entroido (foto nº 1 da concentración) e as súas damas entraron na praza de María Pita, mortas de frío, -ían case espidas como se estivesemos no Brasil- a derradeira comparsa, a do homenaxe a Mozart, aínda estaba no muelle preto da Casa do Mar sen moverse. Animación non faltaba, pero botábase en falta a orixinalidade. Repetíanse as parodias á Pantoxa e ao seu noivo, Pachulín, vacacións marvellís en Alaurín da Torre, construcións Cachulín. Os Pitufos de sempre. Chulaponas a mazo, Travolta. O super depor e Paquiño Vázquez baixo palio rodeado da garda suíza. Animais prehistóricos, budas, cubanitos, cabaliños, hindúes etc. Cabe subliñar a vistosidade das comparsas hispanas cos seus traxes rexionais, especialmente a boliviana. Faltaban chinos, quizais, porque os establecementos chineses eran os únicos que permanecían abertos o domingo de entroido, forráronse vendendo todo tipo de disfraces e perrucas, amén de petardos. Os chinos non teñen dereito ao descanso semanal, de aí ven a frase, traballan coma chinos, que fai anos superou a de traballan coma negros…