O pasado día 30 de xaneiro, Xesús Alonso Montero, recibiu o Facho de ouro nun entrañable acto presidido polo presidente da institución cultural, Xosé Luís Rodríguez Pardo, quen, logo de subliñar a importancia do homenaxeado na Cultura Galega, fixo un chamamento en pro da nosa fala.
http://es.wikipedia.org/wiki/Xes%C3%BAs_Alonso_Montero
Xesús A. Montero subliñou a importancia das asociacións culturais da década dos sesenta (O Facho, Gallo, Abrente…) todas elas relacionadas coa luz fronte ao obscurantismo franquista. Facendo un xogo de palabras co termo Facho, o académico, profesor e escritor, remontouse a súa aldea natal (Ventosela) para recordarmos que alí a un facho (antorcha de palla) chamábanlle fachiqueiro: un fachiqueiro non só é unha tea accesa, senón tamén o portador dos fachos.
Emulando os versos do gaiteiro de Penalta de Celso Emilio Ferreiro (Tendes que acender un facho/ Un Prometeo cantando) -que segundo afirmou, deberían figurar no frontispicio da Asociación o Facho- chegamos ao Prometeo mitolóxico, ao Titán amigo dos mortais, que lle roubou o lume (o facho encendido) aos deuses do Olimpo para regalarllo aos humanos, Xesús A. Montero, mesmo chegou afirmar que deberíamos de facer ‘santo’ a Prometeo levándoo en procesión por toda Galicia cos fachos accesos, porque el si que fixo cousas pola Humanidade.
O acto estivo moi concurrido: académicas como Luz Pozo, políticos, escritores, profesoras, empresarias, etc..
Texto e fotos: Fina Roca