Vodas de ouro sacerdotais de don Amado Aguiar, Viveiro

A Igrexa de San Francisco de Viveiro, escenario perfecto para todo tipo de recitais líricos, vestiuse de gala (28-X-06) para concelebrar as vodas de ouro sacerdotais de Amado Aguiar e Aguiar, don Amado para todos/as… O altar maior estaba adornado con sete espectaculares ramos de lirios brancos e vermellos, cuxas follas afiadas e carnosas miraban cara ó ceo da bóveda de abanico, envolvendo ó Cristo crucificado e creando unha atmósfera de gran riqueza cromática, que se afundía coa vestimenta alba dos cregos e coa luz natural das cinco fiestras oxivais da ábsida gótica pentagonal, as ventás máis esveltas e grandiosas da arte conventual galega…

Don Amado, cal patrucio romano, sentado en cadeira de madeira tallada, á esquerda do altar, visiblemente emocionado, non paraba de leva-lo pano de peto ó nariz, para disimula-las bágoas das fazulas…

O Kirie Eleisón interpretado polo magnífico Coro parroquial e o Señor é o meu Pastor, interpretado maxistralmente, á capela, en galego, por Saleta, fixo estremecer a tódolos presentes, ateos, mouros e cristiáns. A Igrexa estaba abarrotada de xente do común de tódalas crenzas e idioloxías. O cura parroquial, o vicario xeral e Juan, o fillo de Lucita Gabeiras, fixeron as honras e lores, lendo comunicados de adhesión, como o de monseñor Manuel Sánchez Monje, amén de agasallar a don Amado cun cruceiro de prata en nome da parroquia. Mari Carmen Chipe leu a Carta dos Corintios…

Máis, sen lugar a dúbidas, o momento máis emocionante do acto eucarístico foi a Ofrenda Litúrxica realizada por sor Herminia, sor Irene e don Ángel Rodríguez, o ex director da escola de Mestría Industrial de Viveiro, subliñando deste xeito dúas facetas do homenaxeado: profesor e capelán do asilo…

 Non é doado narrar a entrada en escena das dúas monxiñas do asilo, pequeniñas elas, cubertas da cabeza ós pes cun hábito negro, feo, cal burka islámico, que só deixaba ó descuberto a cara, portando nas mans as ofrendas litúrxicas, avanzando lentamente ó altar maior, no medio dun silencio sepulcral, esbozando un tímido sorriso, como pedindo perdón por estar alí. Don Amado, o da misa de once, rompendo o protocolo coma sempre, saíu ó encontro daquelas mulleres, afundíndose nun confesional abrazo, mentres don Ánxel asistía ó evento súper emocionado, cunha vela na man…

Trala Misa de acción de grazas, máis de 200 persoas acudiron ó banquete ‘nupcial’ no que non faltou de nada, agás os puros. Os comunicados de solidaridade e resto de agasallos continuaron tralos postres. Don Amado foi quen de saudar mesa por mesa e retratarse con todos os comensais, que lle entregaron unha fermosa placa de prata, obra de recoñecidos xoieiros viveirenses…

O homenaxeado, como el mesmo recoñecía, sempre fixo gala de mal xenio, pero dou fe de que nunca presumiu de modelo de virtudes! Varias xeracións de profes, que compartimos aula con el, estabamos alí. Para rematar o 50 aniversario, un coro celestial, capitaneado por Pepe do Galicia, cantoulle aquilo de ‘Amado mío…’ Fina Roca.

Publicado no Heraldo de Viveiro o 3 de novembro de 2006.

Por Santos e Defuntos, magostos e maiolas…

Cando eu era nena tal día coma hoxe adoitaba acompaña-la familia ao cemiterio para rendirlle contas ós mortos cun colar de zonchos colgado do pescozo: cada zoncho que comía libraba unha ánima do purgatorio.

A festa de Santos e Defuntos empezaba a mediados do mes de outubro, cando os cativos e cativas íamos ao monte apañar castañas e noces…

As castañas, en Galicia, teñen matiz funerario xa que aparecen por defuntos, anque este ano, quizais, debido ao cambio climático apareceron un mes antes, como as noces…

 Cada grupo de persoas tiña a súa parcela no monte… Se Xuntaban os froitos baixo unha castiñeira perante dous ou tres días para poder quitarlle os ourizos sen lastimarse coas puxas. As noces, como manchan tanto, se cubrían coas propias follas das noceiras ata que saían soas da casca exterior. Se disfrutaba moito, en familia, cos preparativos previos á noite de defuntos e había reparto de traballo…

As nais cocían as castañas coa monda-os zonchos- e, cando enfriaban, as avoas, cunha agulla da la e fío de bramante facían colares de castañas de unha ou varias voltas para todos os nenos e nenas. Tamén as pelaban e secaban ao lume para conservalas todo o ano: as pilongas ou maiolas.

Os magostos, castañas asadas, era cousa dos homes! Quitabánlle un cacho cativo por un lateral, para que non saltaran, e metíanas nunha lata grande de marmelo con buratos no fondo; se o tempo o permitía se asaban na leira e se chovía, na lareira; tamén se facían nas tixolas grandes de ferro e nunca faltaba o caldo de  maiolas por estas datas.

Caldo de maiolas: Hai que poñer a remollo as fabas e a carne de cocho salgada – rabo, orella, touciño, costelas, un oso de xamón-. A noite de defuntos se coce todo en abundante auga cun cacho de unto. Cando a carne está cocida, se retira e colamos o caldo, botamos as maiolas, como se fosen patacas e, cando case van cocidas, engadimo-los navos ou grelos, troceados coas mans -nunca co coitelo-, tan pronto levante o fervor escaldamo-la verdura, cinco minutos escasos,  apagamo-lo lume sen tapa-la pota, para que os nabos manteñan a cor verde e desixamolo repousar. As fabas hai que cocelas coa carne metidas nunha bolsiña de tea para que non se desfagan.

Por que se facía o caldo de maiolas en Galicia a noite de defuntos?  Porque na devandita  noite (31 de outrubro) os mortos saían das tumbas con moita fame e ían polas casas dos familiares vivos a come-lo caldo, ou o que lles botaran… Tamén, para que non fixeran falcatruadas, habíai que poñer diante dos retratos dos defuntos un vaso con auga e aceite cunha volvoretiña de papel encendida…

O das cabazas ven dos celtas! A miña avoa contaba que os mortos eran moi listos e, como había defuntos que non tiñan parentes vivos, nin lugar a onde ir, procuraban colarse nas casas alleas pos Santos e Defuntos, para vivir a corpo de rei. Para evitar que roubaran os animais das cuadras, ou que se apoderaran dos nenos e desvalidos, había que poñer nas fiestras varias cabazas valeiras, colocando entre as cuncas dos ollos e nariz unha vela encendida, como se fose unha caveira, e creran ca casa xa estaba tomada polos mortos, temén se puñan nas portas ramos venditos de olivo… Outrora ninguén se atrevía saír en noite de defuntos, po medo á Santa Compaña ou procesión dos mortos. Bécquer recolle esta tradición na lenda de El Monte de las Ánimas, anque a acción transcorre en Soria… Agora hai botellóns nos cemiterios!

En Galicia hai tradición de abondo por Santos e Defuntos, como para que nos Centros Comercias e colexios haxa que importar o HALLOWEEN AMERICANO no que os nenos se disfrazan como no Antroido, indo polas casas pedindo doces, preguntando o de truco ou trato? Asemade, antes de mirar cara os EE.UU,  sempre nos queda o Don Juan Tenorio de Zorrilla… Fina Roca

O Topónimo coruñés. La Coruña é un galeguismo innecesario.

Desgraciadamente a lingua galega se normativizou tarde, mal e arrastro, segundo as tendencias políticas da quenda correspondente, e sen ter en conta que a LINGUA CONDICIONA O PENSAMENTO

Os “normativizadores galegos” de dereitas non sabían de que ía a cousa e preferiron dedicarse ó control das inmobilarias, que daban máis cartos; os de esquerdas están tan divididos, que non se sabe por onde andan…

Os nacionalistas, eses bloqueiros abandeirados do galego e de tódala progresía por Decreto Lei, teñen un problema:odian o español por se-lo idioma menos fiel ó latín. Para se diferenciar dos ‘imperialistas’, recorren ós etimos máis ancestrais, anque estean en deshuso e, como os ingleses, poñen os signos de interrogación i exclamación só ó final da frase, como Cicerón! Latín puro e duro…

A mesa pola normalización lingüística leva 20 anos dando paos de cegos por todas partes. Tratan de meter, a nivel empresarial, social, escolar e familiar, un galego alleo ós hábitos lingüísticos herdados, desdeñando o español pero utilizando á súa fonética para todo: falan galego con acento castelán; un galego fiel ó latín, máis propio do medievo cá do século XXI, e sen ter en conta as variantes dialectais, que son froito de moitos factores. A diversidade lingüística, como a mestizaxe biolóxica, nos enriquece a todos e todas…   

Hai moito pijo enxebre nesto de normativizar, que só escoitan galego na telegaita, onde ata os Ionquis falan como se fosen rectores. Como diría a miña nai, galega falante dendo o berce, o galego actual non hai Deus que o entenda. De seguir así, vaille facer compaña ó bable…

Ó que íamos! Poñer artigo á Coruña (A Coruña) non ten sentido, pero alá cadaquén coas súas manías. La Coruña é un galeguismo innecesario en español. 

En español, -en galego?-, os nomes propios non levan artigo, agás en sentido xenérico: Los Borbones.Tamén poden levalo como xenérico os arquipélagos (Las Baleares, las Canarias, Las Sisargas) e, incluso, os referidos ós montes (El Moncayo, EL Caurel), ríos (El Miño), mares (El Cantábrico) etc… Pero os nomes de cidades, pobos e países NON!

En español non debemos dicir La Coruña, agás cando nos referimos a unha situación ou época determinadas: La Coruña de Paquiño Vázquez, por exemplo…  

Ninguén di O Ourense, O Lugo ou O Oviedo, nin en galego, nin en castelán. Convivir con outras linguas, marca o territorio, surxen as interferencias e calcos, que pasan a formar parte da lingua coloquial, e da estandard en suma. 

É un erro histórico, no caso que nos ocupa, desdeña-lo español, cando a súa influencia é tan forte en Galicia. O español, dentro das grandes linguas de cultura, é a menos diversificada de todas, as razóns son moi variadas, pero a fundamental radica en que sempre foi unha lingua de intercambio, de koiné peninsular para uso dos distintos habitantes da Península Ibérica, calquera que fose a súa lingua materna. De aí que o español que se fala en Cuba, México, Lima, Florida, Coruña, Arxentina etc, se entenda tan ben, como o de Madrid, cousa que non pasa co Inglés de Australia ou de EE.UU, moi distinto ó que se fala en Londres. Mesmo o portugués de San Paulo, o brasileiro,  é moi diferente ó de Lisboa. Unha película rodada en español colombiano, non necesita subtítulos para un habitante da mariña luguesa, nin para un andaluz. E iso é o que de verdade importa. Fina Roca.

 

ORHAN PAMUK, PREMIO NÓBEL DE LITERATURA

O pasado ano nas miñas clases de Literatura Universal e nas tertulias dos xoves da Librería Nós (A CORUÑA)dedicamos un amplo espazo á lectura e comentario da obra do turco Orhan Pamuk, apostando firmemente pola concesión do Premio Nóbel, que ven de recibir.

 Recomendo a lectura de Nieve (Editorial Alfaguara) para quen nada sabe deste maxistral autor…

 Argumento:Un periodista, poeta, de 42 anos, solteiro, Kerim Alakusoglu (alias KA) que levaba  doce anos vivindo en Alemaña, como exiliado político, decide viaxar en autobús a unha cidade turca,  Kars, onde se estaban a producir varios suicidios entre as mozas do lugar, estudiantes ou casadeiras, por se negar a leva-la cabeza descuberta, segundo a Lei recén aprobada: na universidade e escolas, as mulleres non podían entrar co velo islámico (charshaf).

Se ben esta lei foi ben recibida por unha gran parte das mulleres turcas, para outras levar a cabeza descuberta era como desnudarse en público. Hai costumes e crenzas que non se poden obrigar a cumprir por Decreto-Lei…

 A realidade turca está presente en toda a novela de 498 páxinas distribuidas en 44 capítulos. Por faltar non faltan, nin os Islamistas radicais (Azul)  nin os actores teatrais que non deixan de ser máis que  revolucionarios con poder (Sunay Zaim)  capaces de utilizar a máis cruenta violencia en nome da “felicidade do pobo”. Vamos!

As protagonistas femininas non teñen desperdicio: Melinda é unha revolucionaria  “porno” por amor, e Kadife unha suicida insolente.

A cruda realidade kurda tamén está presente. A loita entre Occidente e Oriente se ve nos diálogos do protagonista (Ka) con Necip (o marido de Kadife que morre dun balazo:

– Para que uno pueda ser ateo primero tiene que ser occidental (pág. 170)

Non hai que esquecer que en Alemaña viven + de tres millóns de turcos, islamistas, ateos ou xacovinos.

Ánimo! Leede a novela, paga a pena. Fina Roca.

Atún vermello e Bonito do Norte

WWF/Adena ven de presentar no Comité de Pesca do Parlamento Europeo os datos da campaña pesqueira de 2006, facendo fincapé nas actividades ilegais que están a acabar de maneira alarmante cos caladeiros de ‘atún rojo’ no Mediterráneo; non só pola sobrepesca, senón tamén pola proliferación de granxas mariñas, que están a ocupar tantos ou máis espacios naturais ca enerxía eólica, para satisfacer os gustos culinarios dos estadounidenses e nipóns, que lle dan ó sushi e sashimi coma os borrachos ó viño peleón…

Ó parecer, certos ‘granxeiros piscícolas’ de Croacia, Malta, España e Turquía, capturan de forma ilegal centos de miles de crias de atún en liberdade para crialas nos criadeiros artificiais, en grandes tanques de auga, cebándoas en cautividade coas modernas técnicas da acuicultura informatizada, como se fosen os capóns de Vilalba, para a súa posterior comercialización en fresco i enlatado…

Grazas ás técnica de engorde, multiplícase por 15.000 toneladas anuais a producción de atún en cautividade, descendendo en 22.000 a producción do peixe en liberdade. Vamos! Como os rodaballos, robalizas ou troitas, que desapareceron do mapa, debido os recheos das rías e ríos, para facer urbanizacións, pero que se venden a esgalla nos hipermercados a prezos desorbitados, malia que saben ó penso das piscifactorías…

Namentres Adena insta á Comisión Europea para protexe-lo atún do Mediterráneo, en Galiza, o Bonito do Norte, que nada lle ten que envexar en sabor ó atún vermello, ten prezos de risa (entre tres e catro euros quilo): o bonito vai máis barato co polvo e, incluso, cas sardiñas e chicharros, ata que cheguen as granxas de engorde a San Cibrán. Claro!

Bonitos e atunes son curmáns! Desplázanse en grupos, son gregarios e necesitan nadar continuamente recorrendo grandes espacios abertos porque carecen de vexiga natatoria. Capturalos en estado salvaxe para cebalos en granxas acuíferas é contra natura! Que barbaridade! De aí a importancia da denuncia de Adena ante a UE, (http://www.wwf.es) que segue sen reaccionar ante as xustas reclamacións dos científicos, ecoloxistas e pescadores. A situación é dura de roer! Se desaparece o atún vermello debido ó saqueo constante dos criadeiros e da pesca industrial, a culpa é dos gobernos correspondentes…

A costeira do bonito é unha das mellores cousas que temos por estes pagos, os barcos galegos utilizan artes de pesca tradicionais garantindo así a calidade e frescura deste pez tan singular, sabroso e ‘lindo’… Unha ventresca de bonito á prancha sabe a Deus! Como vai barato hai que consumilo en fresco, ou mercalo para a súa conservación, cocido, conxelado ou precocinado…

Para ter bonito fresco perante o inverno (o bonito só se captura nos meses de verán) abonda con cocer os toros máis grandes en auga con sal, unha cebola enteira e unha folla de laurel seco. Unha vez cocido, en frío, quítanselle as espiñas e pel meténdoo en frascos de cristal de boca ancha, cortado en cachos e cubríndoo con aceite puro de oliva: para facer un bo salpicón (bonito+cebola picada+guisantes aliñados con aceite e vinagre) unha ensalada ou en salsa de tomate non hai cousa mellor que o bonito cocido en fábrica ou na casa. Conxelado non debe de estar máis de tres meses porque se oxida e non sabe ben…

Na costa luguesa nunca falta o bonito en roio para conmemora-las festas de agosto. Da choio facelo, pero paga a pena mercar un bonito de cinco o seis quilos para facer este esquisito prato: desmigalla-lo bonito en fresco sen que leve ningunha espiña e adóbalo con allo, sal e pirixel, engadirlle un pimento roxo e outro verde, non moi grandes, e un trozo de touciño con febra: todo moi ben picadiño (a cebola vai a gusto do consumidor). Mesturar e amasar cun par de ovos frescos e un pouco de pan raiado, ou miga de pan, para que ligue a masa. Facer os roios, como se fosen croquetas moi grandes, pasándoos primeiro pola fariña, logo polo ovo e pan raiado. Fritilos en abundante aceite de oliva, escurrilos e deixalos enfriar mentres facedes a salsa. Para facer a salsa: cocer as espiñas do bonito e maila cabeza en auga con sal, unha cebola e zanahorias. Reservar e colar: se trata de facer un abundante caldo limpo de peixe: unha fumé! Sofreir na tixola unha cebola grande, un tomate e un pimento en tiras, engadirlle unha pizca de pimentón doce e un chorro de vinagre. Mesturar esta salsa coa fume e cubri-los roios de bonito nunha tarteira grande. Poñer ó lume, primeiro forte e logo lento ata que o bonito se faga por dentro. Cando empece a ferver engadirlle un bo chorro de viño branco do Ribeiro. Para saber se está feito abonda con probar un cacho de bonito. Sérvese en rodaxas cuberto coa salsa tamizada e pirixel picado acompañado de patacas cocidas. Que non falte a ensalada de leituga, cebola e tomates!

Os roios, unha vez fritos, poden conxelarse e face-la salsa en calquera outra ocasión, ou conxelar aparte a devandita salsa. Recomendo facelo por etapas para non cansarse! Pola tarde facede os roios e maila fumé, e ó día seguinte o resto. Que aproveite! Fina Roca.

As colas do Inserso e do Festival do Landro

A xente maior ten unha paciencia infinita! Fan cola para todo! Empezaron na postguerra coas colas do racionamento, seguiron coa cola da auga (había que ir a fonte xa que non había auga nas casas), logo, na década dos sesenta, empezaron as colas dos ambulatorios: toda unha mañá para ver a un médico (Esta cola aínda segue!)…

Cando se populariza o cine, as sesións féminas eran máis baratas e había que gardar dúas horas mínimas de cola para conseguir unha entrada. Colas para todo! Nas tendas, supermercados e prazas de abastos! Pero ningunha cola supera ás das viaxes do Inserso e do Festival do Landro de Viveiro… 

Para conseguir unha plaza do Programa de Turismo Social, ofertada polos gobernos autonómicos i estatais a prezos reducidos en temporada baixa, para poder viaxar polo Mediterráneo, hai que armarse de paciencia do santo Job e porse a cola das axencias contratantes anque chova a cachón. E para conseguir unha invitación de balde para asistir o Festival do Landro hai que gardar un mínimo de cinco horas de cola aínda que quente o sol

Pero ós do Inserso diríase que non lle importa! Vamos! Que pasan o día facendo cola con cara de satisfación! A meirande parte dos xubilados/as, xentiña do común, asisten as devanditas colas provistos de sillas plegables, barallas, froita e bocatas. Chegan, instalan a cadeira, sacan o bocadillo, ou as cartas, e pasan as horas falando cos veciños de cola como se se coñecesen de toda a vida. Hai que ver ós vellos e vellas gardando cola dende as seis da mañá diante dunha axencia de viaxes para poder ir as Baleares a prezo reducido; ou no Teatro Pastor Díaz, para conseguir entradas para o Festival do Landro ou Mostra Folclórica, no Banco o día de cobro das pensións… 

Coido que deberían reducir as colas á nada. Fina Roca

 

O Papa Pepiño Ratzinger

O Papa clausurou en Valencia o V Encontro mundial das Familias católicas apostólicas e romanas cunha multitudinaria misa a que asistiron un millón de persoas, máis o menos as mesmas que desfilaron o día do orgullo gay en Madrid e menos das que desfilaron baixo a bandeira de Nunca Máis en contra dos vertidos do Prestige e da guerra de ocupación de Iraq. Nin que dicir ten que os mundais de fútbol acaparan máis público… 

Mentres Benedicto XVI evanxelizaba ó seu rebaño con promesas inverificables de salvación eterna misando dende un altar climatizado de 2.700 metros cuadrados, en Ortigueira, se clausaraba a vigésima segunda edición do Festival Celta cun gran  respaldo histórico: máis de 100.000 visitantes diarios sen tantas subvencións e propagandas papais. Vamos! Que os amantes da música folk non ían caber en Ortigueira se o Estado apoiara o festival como apoiou ó Papa e o PP puxera autobuses de valde dende toda Europa para ver a   Berrogüetto e ós bretóns de Gwendal…

O xefe do Estado máis clasista e pequerrechiño do mundo estivo arroupado polos reis das Hispanias e resto de autoridades. Por faltar non faltou nin Paquito  Vazquez  de la Coruña. A quen non vin, rezando de xeonllos o rosario da Aurora en primeira liña cos brazos extendidos en actitude orante, foi a Federico Jiménez de los Santos

Nada direi do pasado hitleriano dun Papa que vai de modelo de virtudes, cando ten unha vocación ultraderechista que mete medo. Pero si direi que, Pepiño Ratzinger, para dar exemplo, debería trasladarse dende Roma a Valencia na lancha de pedra de San Andrés de Teixido, ou nun kayuko… 

 Un inimigo a ultranza do laicismo, das liberdades democráticas (En Cidade Vaticano só poden votar os varóns con rango) da diversidade sexual, da Teoría da Liberación e da liberación feminina, non pode ser recibido con honras de Estado en ningún país democrático. Non ten sentido tanto boato e luxo para avaliar a un Papa que condena o amor entre persoas do mesmo sexo e que fomenta a submisión entre os pobres e as mulleres

Non fai falla ser un lince para dicir que a Igrexa está ó lado dos ricos e poderosos para manter o seu privilexiado reino de machos católicos que viven a corpo de rei en fastuosos pazos arzobispais

Cando unha monxa chegue a Papa xa falaremos do verbo de Cristo…

Carmen Formoso

Segundo a decisión do Tribunal Constitucional a novela celiana La cruz de San Andrés, premio planeta 1994, ten que pasa-lo filtro dos tribunais para demostrar se houbo ou non houbo plaxio da novela de Formoso. Unha, celiana ata que Marinita Castaño, esa gran modelo de ‘virtudes’, entrou na vida de don Camilo, da fe, como profe de Literatura, que a Cruz de San Andrés é unha copia descarada da novela de Carmen Formoso Carmen, Carmela, Carmiña, tanto a nivel argumental, como textual. Vamos! Que teño moi claro, que Cela recibiu a obra sachada e mondada. Por suposto que, nin ó escritor, nin a súa segunda dona, nin ós capitoste do Planeta se lles pasou pola maxín, que a novela de Carmen estaba inscrita no Rexistro Mercantil dende o 15 de abril de 1994…

Cela escribía a man e desta obra non hai manuscrito. Era habitual no Premio Nóbel anunciar a bombo e platillo cada liña que escribía, facendo propaganda de se mesmo e da súa obra dende o primeiro intre que se puña a escribir, cousa que non pasou coa Cruz de San Andrés, o que nos sorprendeu ós seus seguidores/as, que se ben sabíamos que era habitual no escritor chorizar frases dos grandes das Letras (A Quevedo me remito na Familia de Pascual Duarte e outras…) e deitarse dos negros literarios, non menos certo era que tiña un estilo moi peculiar, que o facía inmortal, e que non estaba presente na Cruz de San Andrés. Cando lin a novela por primeira vez, recordo, que comentei cos meus alumnos e, incluso, escribín na miña habitual columna de El Mundo, que a Cruz de San Andrés parecía escrita por Marina Castaño, habida conta que era a peor novela de don Camilo…

Se rabuñamos un pouco nos premios literarios, sabemos, que están dados de antemán! Os membros dos xurados están tan vendidos coma os membros dun Tribunal de Oposicións a funcionarios da Xunta de Galicia. De aí a importancia de rexistra-los títulos de todo canto escribimos, xa que non podemos rexistrar o que sabemos…

Ánimo Carmen! Estás a facer historia, non te deixes impresionar polo poderío dos que mandan nas Letras. Escribe esta dura experiencia, non entres en crise, tes máis seguidoras das que te imaxinas, o teu caso non é o único, pero poucos escritores noveles poden recurrir ós tribunais, e moito menos as mulleres, na escrita non existe a pariedad… 

A min chorizáronme ata a Teses Doutoral. As Carrachentas! Logo de gañar un premio etnográfico, que ían publicar, curiosamente, desapareceu do mapa e nunca o publicaron. Un día, tras acudir a unha táboa redonda sobre o tema, un dos conferenciantes, que vai de historiador e cronista, repetiu ó pe da letra o meu traballo de moitos anos: este homiño formaba parte da Xunta Directiva da Asociación Cultural que me dei o I premio… Nunha novela moi premiada hai frases enteiras dos persoeiros dunha novela miña, que presentei a un concurso literario, menos ambicioso có Planeta, cuxo presidente era o devandito escritor e, que, forma parte de tódolos xurados literarios por ter moito mando no ámbito cultural da xeografía nacional. O tempo pon a todos no seu sitio, pero, por se acaso, hai que novelar a estes persoeiros coa habitual retranca galega, neso andamos…

Por certo na fundación C. J. C. traballan os fillos/as dos negros literarios de don Camilo. Premio ós servicios prestados? Ou medo a que rachen co seu silencio..

Vai dende aquí as miñas felicitacións á escritora Carmen Formoso, porque defendendo o seu caso, nos defende a todas/os nós! Fina Roca.

Probas de selectividade en Galicia

Por fin! Hoxe empezaron as probas de Selectividade, un curso menos que atender…

O profesorado de 2º de Bacharelato esperamos este día coma auga de maio! Os estudiantes pásano mal, as familias peor, pero os profesores/as estamos a velas vir! Hai quen depende das notas da Selectividade, para ter choio para o ano que ven. Se aproban, ben! Se destacan polas notas, mellor! Pero como suspendan, imos de cachas! Do fracaso escolar nunca culpan ós alumnos, nin ós seus proxenitores, inspectores, conselleiras, bispos, ministras e demais axentes sociais. Non ho! As culpables somos nós, as profesoras e profesores. O estudio require esforzo e dedicación por parte de todos…

Cabe subliñar, que na meirande parte dos IES galegos, os catedráticos, numerarios e agregados, foxen da Selectividade como gatos escaldados! De feito, moitas materias avaliables na Selectividade están nas mans de interinos e substitutos. Por que? Porque as notas son públicas e notorias, se publican en Intenet, en tódolos xornais e nos taboleiros das entidade públicas e privadas…

O mobing existe! E xa se sabe…
Quen máis quen menos prefire pasar desapercibido, para non ser avaliado polas notas do seu alumnado e vai cobrar igual dándolle clases a cursos menos problemáticos! Ninguén te vai valorar por pertencer ó grupo de profes de maior carga horaria por non comungar con rodas de muíño ou por te-la osadía de plantarlle cara á Xunta Directiva da quenda nomeada a dedo. Os Inspectores pasan de todo, te ningunean como lles deas a tabarra! Moitas veces son os tus propios compañeiros de traballo, xeralmente trepas, os que te poñen ós alumnos en contra, para que non destaqen na túa materia…

Para confirmar o que digo abonda con botar unha olleada ós horarios dos profesores públicos ou concertados (hoxe en día temos o mesmo patrón) e as notas da Selectividade…

Non é casualidade!
Quen non rasca pancada ten os mellores horarios! Hai, incluso, quen dobla con outro compañeiro con só sete ou nove alumnos por curso e aula. Se arrimas a ascua ó alumnado que máis o necesita, terás que apancar coa ESO, Bacharelato, Selectividade, titorías, gardas e alumnos mal ubicados, inmigrantes, que non entenden nada por ter carencias de todo tipo, para quen as clases de apoio son insuficientes…

Coidadiño! Que coa nova lei de Educación o plus de productividade co visto bo dos Sindicatos, está nas mans de directores e sopragaitas. Os contestarios/as non vamos cobrar nin un céntimo de euro! Pero desta cousas xa falaremos cando colla as vacacións e me quede tempo para escribir o que penso, agora me están examinando de selectividade, pero aínda me quedan os de primeiro de bacharelato e 4º da ESO. Fina Roca.