Cómo inculcar hábitos estables de lectura nos adolescentes

 

Para inculcar hábitos estables de lectura, a nivel familiar i escolar, hai que partir da realidade existente dos preadolescentes e adolescentes. Aos xoves interésalles pouco o mundo dos adultos e non senten ningún atractivo polas Institucións públicas. Ler libros, en papel impreso, non entra dentro das súas prioridades, senten paixón catódica polos móbiles de deseño, música estridente, motos, coches, Internet e todo canto estea prohibido ou mal visto: drogas e alcohol. Prefiren pinzar motos, desafiar aos veciños cos botellóns, asistir a un concerto de música electrónica, no que non faltan drogas, antes que gozar sosegadamente cunha novela de aventuras…

A adolescencia é un período difícil de vivir en especial nas zoas industrializadas nas que, debido aos ‘reaxustes’, cambian leiras e hortas por cemento: demasiadas persoas en paro. Os rapaces se teñen grupo, realízanse con el, pero se non o teñen pásanas putas. Ninguén lles fai caso, cando non se senten identificados co seu barrio, familia, escola ou instituto. Cando non atopan opcións válidas para a súa forma de ser, agrandan os seus problemas ata límites insospeitados, levándoos á fuga da casa, ás tentativas de suicidios -debidos en moitos casos ao fracaso e acoso escolar- ás toxicomanías, ou ás crises nerviosas capaces de desesperar á familia e profesores…
 Por regra xeral, os xoves, detestan que os adultos métanse nos seus gustos musicais, forma de vestir e panda, pero están encantados con que mamá cubra as súas necesidades, a chacha que lles dá confort, e papá a guita. Os egoístas non se plantexan saír da casa para independizarse, nin están dispostos a comparti-la habitación cos avós cando os pisos son pequenos: hai que facerlle sitio a cadea musical, á TV, Ordenador, Mp3…

Os cachorros da burguesía adiñeirada falan varios idiomas, reciben cursos no estranxeiro, escriben novelas estúpidas, fan cine, música e anuncios televisivos, pero tampouco len nada: chegan á Universidade totalmente desconectados coa realidade existente porque a familia adoita pechalos en urbanizacións e clubs de luxo, para evita-la mestizaxe coa xente de barrio. A Universidade non selecciona aos mellores, senón aos máis preparados e estes son os que dispoñen de máis medios económicos. Os cachorros ricos son os que máis se desfasan cando saen de excursión, ou cando non están vixiados, entón son uns mentirosos…

Da droga non se salva ninguén! Nin ricos nin pobres! A paixón polo prohibido dispara o consumo tanto nos fillos do paro, como nos da jet-set. A prohibición do consumo fai que o producto empeore no mercado negro co conseguinte prexuízo para a saúde. A meirande parte dos rapaces consumen algunha sustancia. Droga e alcohol unen a tódalas tribos urbanas. Os pais, adiñeirados ou no paro, os protexen, pero eles sos organizan as súas movidas…

Das mensaxes de reivindicación social dos Beatles e Rolling Stones, líderes das protestas xuvenís dos anos 60, pasamos ao tumulto dos sons electrónicos con ritmo repetitivo e monótono: os seus grupos musicais promoven a provocación, desprezan o virtuosismo instrumental, teñen obsesións escatolóxicas con fixación no falo e ata os seus graffitis son escatolóxicos: pesadelo de profesoras, curas e feministas…

O rock actual está cargado de connotacións sexistas (‘teta que man non cubre, non é teta senón ubre, furado con pelos hai que fodelo’) e o hard- rock lanza constantes mensaxes hitlerianos. TV e Internet proxectan violencia e sexo duro. Os adolescentes enfróntanse dende hai tempo á perda de valores universais e caída dos ídolos…

A súa sabedoría ‘etílica’, alias botellóns, non difire gran cousa da dos adultos, deses sabios tabernarios, que seguen a  conducir cunha copa de máis. Os rapaces/as están marcados pola Cultura dos baixos presupostos, cómics xaponeses, música electrónica e industrial: a cultura de usar e tirar. Ollo! Non leen eles, pero tampouco leen os seus proxenitores e profesores:

Convén saber que:
– Dende o Convenio de Xenebra (1936) mundializase a prohibición do consumo de Drogas. As  Aminas e LSD foron legais ata 1970. As drogas de deseño, tan en boga ata nos patios dos institutos, son as primeiras da Historia consideradas ilegais dende a súa creación…
– As Drogas ao longo da Historia foron legais sempre.  Nas tabliñas Sumerias fálase das vantaxes das adormideiras. No papiro de Ebers os exipcios recomendan o Opio. Os gregos consumían a esgalla opio, cáñamo e haxix con vino e mirra? No Antigo Testamento se defende a cultura etílica: regan con viño cada ocasión importante. Nembargantes o alcohol non agrada aos musulmáns, nin aos budistas e indúes: prefiren o cáñamo. Por influencia do Cristianismo, na Idade Media, entronizase o alcohol e se desterran o resto drogas.
– No s. XIX descóbrense os principios da codeína, cafeína, cocaína, mascalina e barbitúricos. En 1900 todas as drogas coñecidas están dispoñibles nas farmacias e droguerías. Nos EE.UU a Lei Harrison (1914) prescribe a heroína, a cocaína e o opio. En 1936 mundializase a prohibición..Os romanos reprobaban as drogas cando se utilizaban para matar a alguén ou a eles mesmos…
 

Á Historia Elemental de las Drogas de Antonio Escohotado, Ed. Anagrama e Informe Aclad, da Asociación Cidadá contra a Droga na Coruña, e ao mito da morte e resurrección: mito de Isis e Osiris. Me remito…
 

As propias Universidades, en especial a Galega, se voltaron tan estreitas que fomentan tensións entre Cultura e Sociedade, como o PP e PSOE, especializándose en Egoístas e ríndose dos Altruístas…

E dos Institutos mellor non falar, xa que dende que se implantou a LOXSE máis que centros educativos parecen centros de acollida. Os profesores xa non son docentes, son gardas xurados. Os intelectuais e humanistas sobreviven a duras penas con fortes vetos para as súas publicacións e mensaxes positivos…

Que queredes? Son os propios catedráticos de Instituto e Universidade os que fomentan os guetos poñendo cota ao alumnado, que pode promocionar, ou licenciarse, para evitar non só a intrusións profesional, senón tamén o ascenso das clase sociais menos privilexiadas…
 

De aí a importancia de fomentar hábitos lectores estables, anque teñamos que recorrer ao botellón a nivel aula, ou fumar haxix para que lean a Pipa de Kif…

Eu cando lles leo algo en clase, están superatentos e caladiños. Fina Roca.
  ?

Literatura brasileira. A miña planta de laranxa lima…

Literatura Brasileira
A miña planta de laranxa lima
A editorial coruñesa Primerapersona tivo o acerto de publicar a versión galega de Meu Pé de Laranxa Lima, obra mestra do brasileiro José Mauro de Vasconcelos (1920-1984), fermosa novela (1969) de denuncia social, na que o protagonista principal é un cativiño de cinco anos, Zezé, maltratado pola súa propia familia, fillo do paro e da mestizaxe colonial (portugués + india pinagé) listo como a fame, que vive nun barrio marxinal de Río de Xaneiro cercado de xurreiras no que non faltan escolas, luz roubada, garderías (as crianzas), tren (o Mangarativa),  tenda do fiado e unha  fábrica ‘que escuma xente pola noite’…

Zezé vive nunha favela de Bangú, nun mundo de carencias ao carón da opulencia, sabe o que non ten e non renuncia ao que desexa: quere ser sabio e poeta para saír da miseria… Miña xoíña! Vai sempre co corazón ao descuberto e pasa tantas necesidades, tantas! Que o Nadal na súa casa parece o velorio do Neno Xesús. No seu barrio hai un tempo para xogar ás bolas de gude, ás buxainas, aos cromos e para bailar papaventos (cometas), que é o máis lindo de todos! Ten unha planta de laranxa lima coa que comparte sorrisos e bágoas e un amigo portugués para salvalo das súas incertezas. Por ser franco e bondadoso péganlle todos arreo, agás a súa naiciña que, como está cansa de traballar, non ten forzas, e zóscalle a modiño…

Coido que é unha das mellores novelas, ambientada no Brasil, xunto coa Guerra do fin de mundo de Mario Vargas Llosas.

Dicía  o viveirense, Loís Tobío,  traductor de Rilke ao galego, que ós traductores/as literarios son imprescindibles para coñecer outras culturas, que razón tiña! Parabéns á traductora desta gran novela, Mª Isabel Cornes, por acercarnos á obra de Vasconcelos: agricultor, boxeador, garimpeiro (buscador de ouro e pedras preciosas) sertanista (explorador), mestre, modelo, actor, periodista, e escritor universal.

O protagonista desta historia ten moitas cousas en común co Principiño de Saint-Exupery, traducido ao galego por Carlos Casares (Galaxia 1972) e, incluso, co príncipe Myskhin de O Idiota de Dostoiewski, a quen se menciona no derradeiro capítulo. Os tres persoeiros de carácter franco e inocente, todo bondade e tenrura, teñen unha grande necesidade de afecto…

Zezé anda descalzo e coa roupa rachada.

Actualmente, no Brasil, trinta e sete anos despois de publicarse esta fermosa novela, que fai rir e chorar, hai demasiados rapaciños famentos/as, enfermos, maltratados e coas roupas rotas, que buscan algo para comer nos vertedoiros de lixo, como se fosen animais salvaxes sen dereito á vida, como en Uganda…

En Río de Xaneiro morren máis menores ao ano que en tódolos conflictos armados de Colombia, Serra Leona, Iugoslavia, Iraq, Israel e Palestina xuntos, víctimas das mafias do tráfico de drogas, armas, órganos  ou prostitución, que dominan a vida das persoas: a fartura duns poucos agrava a miseria de moitos.

En Bangú, lugar de acción da Miña planta de laranxa lima, está a prisión de máxima seguridade do Brasil rodeada dunha muralla de 8 metros de altura con subsolo de cemento e aceiro para evita-las construccións de túneles: o capo Luís Fernando da Costa, alias Fernandinho Beira-Mar, lidera dende a cárcere o Comando Vermelho, controlando a totalidade das favelas cariocas.   

Unha favela é un conxunto de casas sen infraestructuras urbanas, cuxo referente histórico data de finais do século XIX, como resultado da Rebelión de Canudo: ante a subida dos impostos, Antonio o Conselleiro, un iluminado eremita, incita á insurrección popular de signo relixioso, proclamando a fin do mundo coa chegada do Anticristo, a quen identifica coa República. O goberno promete vivendas sociais a tódolos soldados que loiten contra os rebeldes: o fanatismo absurdo e a intolerancia política do goberno militar levaron á masacre de Canudos. En 1897, os soldados, cansos de esperar as vivendas prometidas, deciden asentarse nas chabolas do campo próximo ao ministerio da Guerra, onde xa había un asentamento de escravos libertos, víctimas do racismo e da especulación inmobiliaria, un campo cheo de fabas pequeniñas: o diminutivo de faba en portugués é favela.
 

Este episodio deu lugar á novela de Mario Vargas Llosas  La Guerra del fin del mundo (1981), a versión latinoamericana de Guerra e paz de Tolstoy. A brasileira Nélida Piñón, que estivo en Galicia hai dous anos nas xornadas literarias do Pazo de Mariñán, axudoulle moito a recompíla-los datos para facer esta historia de apocalipse i hecatombes. Desgraciadamente nas favelas brasileiras, un día si e outro tamén, hai guerras de bandas nas que as víctimas son os nenos, xoves e vellos.

Fina Roca, profesora de Literatura, vocal da Xunta Directiva do Seminario de Estudios Terra de Viveiro e colaboradora  de prensa. Comentario literario publicado na revista Tempos Novos.

 

 

O Caldo de Grelos, ou cimós

O Caldo de Cimós…
 Os grelos, ou cimós, son a parte máis tenra dos nabos
. As nabizas, anque son a mesma especie, son os gromos novos e os grelos a planta xa con flor. http://wwwcolineta.blogia.com.
         En Galicia seméntanse os nabos no mes de agosto, logo de face-las mallas, danse tres meses ao ano, de decembro a marzo, anque cos invernadoiros hai grelos todo o ano, incluso no verán. Os chamados queixos dos nabos, frescos, chámanse así porque alimentan as vacas cos grelos, están riquísimos no inverno, son manteigosos e desfanse na boca.
Os grelos do val de Monfero teñen fama de ser os mellores, porque son pouco ácidos, pero os da Mariña Luguesa do val do Landro, os de Galdo e San Pedro, amén dos da Ferrería e Valadouro, non lle teñen nada que envexar, e os de Ourense tampouco. Nas estradas rurais é costume ve-los grelos recén cortados diante das casas para a súa comercialización. Todos son riquísimos, pero ollo! Os enfermos de tiroides e corazón, os que toman Sintrón, non deben abusar dos grelos, para este tipo de enfermos convén escaldalos e conxelalos antes da súa preparación, ou tomar outro tipo de verduras…
         Os grelos deron lugar a moito tipo de refráns: <<Quen non ten que facer sementa os nabos denantes de amencer.>>
          Por estes pagos moitas costumes están relacionadas cos cimós. As labregas galegas adoitaban tomar os baños marítimos no mes de setembro logo de sementar os nabos. Os baños tiñan que ser nonos, non podían ser menos de sete, nin máis de 13, o nº ideal eran nove e tiñan que darse durante tres anos seguidos. Estas peculiares bañistas recibiron varios nomes: en Viveiro chamábanlle Carrachentas, Catalinas na Coruña (onde teñen dedicado un monumento en Riazor), Carolinas en Ferrol, Canónigas en Mondoñedo e Ribadeo, Poubanas en Foz, Montañesas en Cedeira e resto do país, tamén eran coñecidas como as Mantidas, porque cando ían toma-los baños levaban a matanza da casa, os queixos, verzas, patacas etc., para aforra-los cartos da comida. Non había carrachentos porque os homes ficaban na casa coidando dos animais. Os baños eran das mulleres e nenos. As labregas foron as inventoras do caldo galego e as súas divulgadoras nas cidades, xa que cando ían bañarse alugaban as casas con dereito a cociña e facían o caldo que lles duraba varios días, invitando aos pousadeiros e resto de persoal. Hai moitas formas de face-lo caldo, pero non sempre atopámo-la verdura axeitada. O máis rico é o de grelos, no mes de xaneiro abundan no mercado, en Coruña, non hai dificultade en consegui-los de Monfero, a un euro cincuenta o quilo, que fan moi bo caldo…
        Ingredientes para cinco persoas:
a)     Carnes: un rabo de cocho, un morro, un cacho de touciño con febra e outro de costela, un oso de xamón curado e outro de cuxa, un cuarto quilo de carne fresca, dous chourizos e 100 gramos de unto, se pode ser de Baralla. Mesturar a carne salgada coa fresca dalle un sabor moi rico ao caldo. Pero tamén se pode facer só cos osos e carne salgada, que hai que poñer a desalgar 24 horas antes.
b)    Cimós, fabas e patacas:
dous quilos mínimo de grelos, mellor que sexan tres, porque aínda que estean moi frescos, a hora de escollelos e de cocelos se quedan en nada; dous quilos de patacas e un puñado de fabas da casa, é dicir, mercalas frescas no verán, que van baratas, debullalas na casa (sacalas fabas da vaíña) e conxelalas para o ano. Pero se non tedes fabas frescas, comprade as pequenas, as do caldo…
c)      Modo de facelo: métese toda a carne a cocer nunha pota grande, primeiro a fogo forte e logo medio, a medida que se vai consumindo a auga engadirlle máis, que cubra a carne sempre. As fabas se son frescas convén facelas aparte ou botalas coas patacas. Unha vez cocida a carne, colar o caldo para outra pota, reservando unha ou dúas cuncas, engadir as fabas frescas e cando leven cinco minutos fervendo engadir as patacas cortadas como se fosen para tortilla e, cando a pataca estea cocida engadir a verdura remexéndoa pouco a pouco, tan pronto como empece a ferver de novo, para conservar a cor verde dos grelos, deixalos cinco minutos escasos e apaga-lo lume, deixalos que se refagan sos, sen tocalos e sen tapa-la pota, porque son moi ternos…
         Hai zonas de Galicia nas que se desfai o unto na tixola e se engade ao caldo, noutras botan no prato do caldo aceite e vinagre. Para acompaña-la carne convén cocer unhas patacas no caldo reservado, uns chourizos e unha mada de grelos. Coidado coa auga e as patacas! Nas Baleares e Canarias, se queredes face-lo caldo galego, hai que que conseguir a auga e as patacas galegas, leva-la auga ou mercala en garrafas, porque se non non sabe ben…
         Miña nai sempre di que cando temos escollida e lavada a verdura, o caldo xa está feito, porque a carne cócese soa. Limpa-los grelos non é tarefa fácil, porque traen moitas trapalladas e bechos, eu recomendo escolle-la verdura o véspera e deixala na neveira sen lavar metida nunha bolsa de plástico; os grelos hai que limpalos folla por folla, tirar as amarelas e picadas, pelar os tallos un por un para non atopar fíos na boca; lavalos en varias augas ata que deixen de botar terra e a cor verde, é dicir, ata que a auga salga branca. Logo deixalos escorrer e trochalos sempre coas mans…  

          Que aproveite! Fina Roca.  

Unha galega en Cancún…

 Ana María Ríos, a galega de Arcade (Pontevedra) que fose detida en Cancún o pasado oito de outubro, en plena lúa de mel, acusada impunemente de ‘tráfico de armas’ (cartuchos e artefactos de detonación) ven de escandalizar ao exército de liberación nacional do seu pobo por posar en top less na revista Interviu, cando deberían felicitala por entrar no famoseo, vía México, sen ter que pasar por Gran Hermano, nin pola cama de Pipi, o ex da Terelu Campos, que está arrimada cun galego de Viveiro emparentado cos grelos, o Agrelo…
 Moi ben Ana! Que si, que a vida é moi corta e hai que vivila…
 Vaia dende aquí o meu parabén  a esta muller de 26 anos  por saber rentabilizar a súa propia desventura! Ánimo rapaza! Que non só os bombeiros cachas teñen dereito a saír en pelotas nos calendarios e revistas, as perruqueiras e as profesoras pouco agraciadas e entradas en anos, taménFina Roca

Feliz Aninovo. Oxalá vivades tódolos días que vos quedan de vida…

Cos tempos que corren hai poucas razóns para celebrar o aninovo, agás que estamos vivos/as…

A ETA ataca de novo no aeroporto de Madrid, colocando unha furgoneta bomba na T4 de Barajas, provocando o afundimento de catro prantas e o caos na terminal, de momento, hai 20 feridos e dous desaparecidos. Puido ser unha auténtica hecatombe… 

E… Saddam Husein, o sunita iraquí, foi aforcado en Bagdad, no berce da civilización e das fermosas historias circulares de Sherezade, no centro floreciente da civilización árabe ata que Bush, Aznar e Blair chegaron alí para escarallalo todo en nome de non se sabe quen…

Non se entende, que aforquen a uns terroristas de Estado e a outros ríndanlles pleitesía, como a Franco e Pinochet, mentres Bush celebra con champán a matanza de Iraq e o 5º aniversario do campo de detidos de Guantánamo…

Cabe subliñar que o promotor da Operación Cóndor (organización clandestina para a práctica do terrorismo de Estado coa cooperación dos EE.UU) foi Henry Kissinger, político estadounidense nacido en Alemaña, a quen lle concederon en 1973 o Premio Nóbel da Paz e aínda hoxe en día non llo quitaron. Que barbaridade! Nin que dicir ten, que  as persoas que marcan as nosas vidas non son as que posúen as mellores credencias… Pero, non hai que esquecer que, os aplausos se van, os trofeos se enchen de po e os gañadores axiña son esquecidos.

Da lotería terrorista non se libra ninguén…

Os terroristas, como os psicópotas, carecen de sentimentos. Como poden vivir con tanto odio metido no corpo? Co lindo que resulta non facerlle mal a ninguén… 

O mundo está en guerra, os gobernantes están tolos, enchidos de soberbia, e a Humanidade está de loito: ogallá a PAZ se sobrepuña a tódalas cousas. Nunca máis unha bomba, unha guerra, nin un neno enfermo ou asustado…

Oxalá poidamos vivir en paz tódolos días que nos quedan de vida… 

Non! Hoxe non foi un bo día, pero seguimos mergulladas no consumismo…

Sempre hai un intre para a esperanza. Feliz aninovo! Akemashite omedeton Gozaimasú! Grazas por me ler. Fina Roca

 

Hoxe non foi un bo día…

 Os aplausos vánse, os trofeos enchénse de po e os trunfadores axiña son esquecidos, pero os seres queridos, amigos ou familiares, sempre estarán con nós independentemente do credo que practiquemos, sexamos ateos ou crentes…

?

Caldeirada de rape

Houbo un tempo en que os mariñeiro galegos, cando pescaban rape, cortábanlle a cabeza e tirábana ao mar, como os centolos, porque que rompían as redes. En Cedeira, Barqueiro e Viveiro era habitual ver aos mariñeiros no malecón descabezando rapes enormes rodeados de gaivotas, mulleres e nenos; os cativos utilizaban as devanditas cabezas como carnada para pescar cangrexas coas zarandas, pero tamén había quen as levaba as agachadas para as casas para facer caldeiradas, ou salpicón…

Hoxe en día se comercializan as cabezas do rape troceadas a tres euros o quilo, tanto nos mercados municipais, como nas grandes superficies. Os osos de rape son estupendos para facer un caldo de peixe, ou salpicón: quitar a carne dos osos, unha vez cocida, e mesturar cun par de ovos, cebola picada e un puñado de guisantes… 

O rape común ou branco ten unha boca enorme e cara de sapoÉ moi sabroso, rico en fósforo e iodo. Se sabemos aproveitalo todo, todiño todo, pois non vai caro…

Na praza hai rapes pequenos, –os rapiños- a oito euros o quilo, que están riquísimos en caldeirada, ou á prancha…

Rapiños en caldeirada:

Hai que comprar un rape dun quilo para dous comensais. Sepárade a cabeza do tronco aproveitando ao máximo a cola do peixe, quitarlle-los dentes á boca e trocear a cabeza en dous cachos; limpar con coidado as entrañas para conservar enteiro o fígado do rape, que ten un color laranxa parecido ao dos mexillóns (esta tarefa vola fai a pescadeira/o), quitárlle-la pel exterior das colas, que queden brancas, pero deixarlle a teliña negra do interior, non lla quitedes nunca. Unha vez limpo e troceado, adobalo con allo, sal e perixel, non máis de media hora…

Modo de Facelo: no fondo dunha tarteira ampla poñede unha capa de patacas cortadas en rodaxas gordas, outra de cebola, pimento roxo e tomate fresco, tamén en rodaxas, cubrir todo, en crudo, con aceite de oliva e caldo de peixe (só cubrir). Poñer ao lume rápido ata que ferva dez minutos aproximadamente, -depende da calidade das patacas-, logo poñer as colas dos rapiños enriba do mexunxe e un puñado de chícharos da casa (guisantes), tapar a pota, deixar que levante o ferver de novo, menear a tarteira para esparexa-los sabores, e cando estea listo engadirlle un sofrito de allo e pimentón doce: no momento de servir espolvorear todo con pirixel picado.

Que facer coas cabezas do rape? Antes de face-la caldeirada hai que cocer as cabezas cunha cebola grande, dúas follas de loureiro, un puerro, unha zanahoria e mailos fígados do peixe, e un bo chorro de aceite de oliva virxe. Cando estea todo cocido separade os trozos brancos de peixe dos osos e reservar, colar o caldo, pasar polo chino a zanahoria, cebola e puerro; mesturar todos os elementos co caldo e azafrán en rama. Levar de novo ao lume, provar de sal e cando estea ao gusto de cadaquén, engadir os figadiños do rape machacados cun tenedor. Xa veredes que caldo de peixe tan rico! Podedes botarlle gambas peladas, berberechos, mexilóns, taquiños de xamón, ou as socorridas verduras troceadas, cando non uns picatostes…  

Antes de face-la fumé hai que reservar un baso de caldo para a caldeirada… 

Que aproveite! Que non se diga, que non comemos rape porque é moi caro, non tal… 

España é o segundo país do mundo en consumo de peixe por habitante, logo de Xapón, claro! Fina Roca

A Memoria Histórica

 

“ARMH” memoriahistorica@memoriahistorica.org ven de divulgar na interrede un texto que me parece moi interesante para conmemorar o día da Constitución española…

DEZ ACCIÓNS QUE EN CALQUERA MOMENTO PODEMOS FACER POLA RECUPERACIÓN DA MEMORIA HISTÓRICA:

     1.- Escribir á Comisión Interministerial  para as Víctimas da guerra civil e da dictadura franquista para que o Estado garante as exhumacións das foses comúns e maila búsqueda e desaparición dos desaparecidos. Que sexa regulada no Código Penal a apoloxía do franquismo. Que nos colexios e institutos se estudie a fondo a II República, a guerra civil e a dictadura franquista. Que se instale unha exposición permanente no Val do Caídos, explicando o porqué se fixo e a quen obrigaron a construilo. Que en tódolos edificios públicos se instale unha placa cos nomes dos que foron ‘depurados’ pola dictadura. Que señalicen as obras públicas e privadas levadas a cabo polos presos políticos e que se anulen os sumarios instruídos polos tribunais que eran ilegais.

     2.- Grabar a testimuña dun susperviviente da guerra civil, ou da represión franquista, escribilo para non perdelo, fomentar a investigación entre a propia familia, ou xoves estudiantes, e pinchalo na rede: http://www.mmoriahistorica.org/modules.php?name=News&file=article&sid=3

     3.- Escribir un correo electrónico ás embaixadas de Alemaña (Dr.Wolf- Ruthart Born:pr-1@madri.auswaertiges-amt.de) e Italia (Amadeo de Franchis: archivo@ambitaliamadrid.org) para esixir unha reparación simbólica por ter axudado ao dictador Francisco Franco a gaña-la guerra civil e secuestrar perante +40 anos á democracia do nosos país. Cabe subliñar que miles de españois foron deportados, retidos ou asasinados nos campos de concentración nazis.  

     4º.- Reunir un grupo de xentiña do común, estudiantes de bacharelato, FP ou universitarios, para visionar e comentar o ciclo de documentais agrupados no colectivo Imaxes contra o Olvido: www.imagenescontraelolvido.com

     5º.-Inscribirte ou colaborar con calquera asociación para a recuperación da memoria histórica.

     6º.- Firmar a campaña que está a facer Amnistía Internacional para esixir ao goberno español xustiza para as víctimas do franquismo: http://www.es.amnesty.or/actua/esp_mar06/

     7º.- Facer camisetas para denunciar o golpe de Estado de Franco, nasdo en Ferrol,  baixo plica de Nunca Máis un 18 de xullo.

     8º.- Visitar e divulgar a web que tenta facer un censo de tódalas víctimas do franquismo:www.todoslosnombres.org

     9º.- Escribir un correo electrónico ao embaixador español en Marruecos, Luís Planas, para reprobarlle a súa actitude por asistir en nome do pobo español á inaguaración da casa museo de Mohamed Mizzian, un militar franquista de orixe marroquí que foi moi sanguinario cos perdedores perante a guerra civil, e un represor en Marrocos.

Luis Plana: ambespma@mail.mae.es

     10.- Enviar este comunicado a quen estimedes convinte, ou engadir cousas encamiñadas a recupera-la memoria histórica…

       (Nota: prometo escribir algún caso da guerra incivil, como o da churreira de Ferrol, Xosefa de Teloi, pernas tortas, fusilada na tapia do cemiterio de Catobois, Ferrol, sen máis pena capital ca de crer no que facía: era unha republicana convencida. Fina Roca)

A Multinacional estadounidense ALCOA e a súa Santa Alianza: a Fundación Alcoa…

 

A multinacional Alcoa, líder mundial da fabricación do aluminio, con centros de producción en 37 países, entre eles España, participa en tódalas fases da Industria: tecnoloxía, minería, refino, electrolisis, fabricación e reciclado. 

O presidente mundial de Alcoa, Alain Belda, ven de anunciar o despido de 6.700 traballadores para aforrar 125 millóns de dólares en impostos, logo de traspasar a meirande parte das factorías ao grupo noruegués ORKALA: o maior productor de silicio do mundo..

Disque a causa real da estampida radica na subida do 30% da enerxía eléctrica e na aprobación en España do Plan Nacional (PNA) de Emisión de Gases de Efecto Invernadoiro para 2008-2012, segundo o Protocolo de Kioto

Os sindicatos maioritarios fanse os despistados, calan, cando a multinacional con sede nos EE.UU non descarta ‘axustes’ nos cadros de persoal das factorías españolas, incluídas as galegas de Sabón, Arteixo e San Cibrán, onde os niveis de contaminación son tan alarmantes, como en San Juan de Nieva, Asturias, onde teñen instalada a maior fábrica de zinc electrolítico do mundo…

 

Outrora, os Comites de Empresa, solucionaban os problemas con asambleas e folgas, agora, reúnense cos comités europeos en hoteis de cinco estrelas, a gastos pagos pola Patronal, e adoitan recorrer aos eufemismos para evita-la alarma social, segundo as consignas da globalización.  Ao peche das empresas chámanlle reestructuración, axustes ou reconversión industrial; ao despido libre, regulación de emprego, á evasión de impostos FUNDACIÓNS, e a folga xeral, paro. Mais, se a bolsa baixa, é que ten unha evolución descendente…

Para evitar problemas políticos, as coalicións de familias archimillonarias, alias multinacionais, recorren as FUNDACIÓNS e VOLUNTARIADO, creando a base de regalos interesados unha dependencia real das Institucións públicas.

 A FUNDACIÓN ALCOA dedícase a subvencionar Programas altruistas, caros ou de non máis de 6000 euros, e a plantar arboriños para lavar a conciencia da multinacional, xa que está a desforestar o planeta abrindo novas empresas altamente contaminantes, para as que se necesitan máis de de 50.000 Hectáreas. É tal a hipocresía desta fundación, que se deita dos centros educativos públicos, ou calquera outra institución que administre a miseria, para evadir impostos e facer propaganda de balde de se mesma co visto bo das autoridades políticas, acompañada sempre dun sospeitoso voluntariado á americana, que se pasea polos centros públicos co buzo e mailo logo da empresa privada… 

O caso é saír na foto! Entendo que os lambecús queran codearse cos executivos de Alcoa, pero non entendo que o bipartito galego (socialistas + nacionalistas) ceda os centros educativos públicos ás fundacións privadas sen consultar o parecer do Claustro de Profesores, dando unha información equivocada ao alumnado da ESO, Bacharelato e FP… 

A Consellería de Educación está a venderse por un prato de lentellas! O procedemento é moi sencillo: a Fundación ofrece unha máquina, unha cadeira de rodas, catro ordenadores portátiles, unha viaxe de balde, un premio en metálico, ou os materiales necesarios para axardinar unha zona, a cambio da propaganda: a foto dos alumnos prantando árbores con algún executivos ou voluntario de Alcoa. Inspectores educativos ou Delegados saíndo na TVG interesados na exposición da reciclaxe dos embases de aluminio, ou a Xunta Directiva dun centro de Infantil, Primaria ou Secundaria, departindo amigablemente cos inxeñeiros e conferenciantes de Alcoa… 

Por exemplo! A próxima semana no IES Urbano Lugrís de A Coruña, traballadores de Alcoa van colaborar na plantación de árbores, dando unha morea de conferencias na aula magna do instituto para fomenta-la educación medioambiental dos estudiantes. Logo haberá ágape na Biblioteca ao que non está invitado o Claustro de Profesores: tampouco lle consultaron o seu parecer sobre o evento e iso que teñen empapelado o instituto e bisbarra co logotipo de Alcoa, cousa que non comparten moitos profesores e profesoras…

 A min, todo isto de Alcoa recórdame a omnipotente saga da Fundación de Isaac Asimov, e tamén a Fundación do dramaturgo Buero Vallejo: un inmenso mundo de emocións de ciencia ficción e da realidade existente…

Ata sempre amigos e amigas! Grazas por me leer en Bélxica, Portugal, México, nas Seycheles e nas Hispanias. Fina Roca.

Eleccións sindicais no ensino público. Infantil. Primaria e Secundaria…

Ollo ao dato! O vindeiro 30 de novembro hai eleccións sindicais no ensino público, mal chamado ‘non universitario’, habida conta de que todos os profesores/as pasaron pola universidade, agás as bellas grorias de FP: expertos, mestres de taller, antigos peritos, que van de enxeñeiros superiores e obstentan grado de catedráticos; os mandamais dos IES cos seus horarios privilexiados, avaliados polas Centrais Sindicais maioritarias e Inspección da quenda…

Os Ciclos de FP, masculinizados por razóns históricas, empezan en outubro e acaban en maio, fronte a Primaria, ESO e Bacharelato, que ao estar feminizados (máis profesoras ca profesores) empezan un mes antes e rematan trinta días despois. Os Sindicatos calan…

 No meu centro impártense Ciclos Medios e Superiores de FP, ESO e Bacharelato. Un ano si e outro tamén, os mellores horarios pertenecen a un grupo minoriatario dos Ciclos Superiores de FP e Bachareleto. Tanto ten quen mande! Estes tíos e tías sempre se arriman ás Xuntas Directivas nomeadas a dedo pola Consellería de Educación, para manter os seus privilexiados horarios. Os lambecús, trepas e caudillos… 

Hai certo sector do profesorado que nunca fixo unha garda, nin unha titoría, nin ten un oco entre clase e clase! É dicir que entran as 8:50 e rematan a xornada laboral ás 12:50. Cando non teñen dous días a semana sen ningunha hora lectiva, ocupados con ‘cargitos‘, sen formar parte da Xunta Directiva… 

Confeso que, como funcionaria en activo da categoría A con 35 anos de servizos prestados, a piques de prexubilarme, tiña certa esperanza en aquilo de ‘Móvete Touriño’. Pero que va! Touriño non da arrincado, vai máis lento co coche de liña de Viveiro…  

No ensino estamos igual ca antes, con Fraga + Currás. Non se nota o cambio para nada, porque non hai cambio! Consolídanse as mamonadas precedentes. Seguen os mesmos cans con distintos colares. Demonizan aos profesores/as, que cren no que fan, colgándolles o San Benito de conflictivos, moscas colloeiras, vagos ou maleantes, e suben aos altares aos que non rascan bola, coa desculpa de que colaboran coa Dirección e votan sí a todas as súas propostas anque ronden a ilegalidade…

 Xa se sabe!

Quen ten maior carga horaria son os interinos e os funcionarios/as que non comungan con rodas de muíños. É o prezo que hai que pagar por ser libre e independente…  

Na profesión, como na vida, quérenos mudas e submisos! Comigo van de cachas! Nunca me asustaron os inquisidores, nin sequera os promotores inmobilarios, para canto máis os novos caudillitos e caudillitas democráticas nomeadas a dedo! Non teño reparo algún en plantarlles cara e así me vai. Pero, como me gusta o meu oficio, podo sobrevivir á estupidez humana… 

Se o propio goberno non se atreve a quita-la materia de Relixión de oferta obrigada ou mandala ao ábano das optativas, para non cabrear aos privelexiados varóns da Conferencia Episcopal, que viven a corpo de rei nos pazos arzobispais, pois, non é de estrañar que os inspectores ‘educativos’ do bipartito galego e os representantes sindicais, que son os mesmos/as que había antes de que socialistas e nacionalistas chegasen ao poder, pasen dos horarios e do cartel de ‘Medellín’ dos centros educativos.

No meu IES os horarios xeraias fíxeronse públicos por Santos e Defuntos! Como para facer un magosto con eles! Estiveron facéndoos e desfacéndoos ata que quedaron a gusto dos gurús de sempre. Hai xefes de departamentos casi unipersonais (con só dous profesores) con 9 e 10 horas lectivas, para quen inventaron cousas como ATS, REP, FCTC, MAN, MANT, EX ou PEN : non se sabe que significan algunhas siglas. Pero si sabemos que no están regulados como cargos orgánicos, como tamén sabemos as horas que ‘desgravan’ por cada cargo, xefatura de departamento ou titoría, pero, segundo o Xefe de estudios de diurno as/os profes que responden a ese raro patrón de acrónimos e siglas, están a quitarlle as castañas do lume á directora (que non da clases) xa que traballan sábados e domingos. Vamos! Como os chinos que descoñecen o descanso semanal…

Espero que os Sindicatos tomen nota, agora que estamos en campaña electoral. Se algunha candidatura desfai esta desfeita, votareina e pedirei o voto para ela…

 

Máis aínda, o Xefe de Estudios de nocturno, que libra 15 horas por cargo, NON DA UNHA SOA HORA LECTIVA, NIN FAI UNHA SOA GARDA NO NOCTURNO. Pero hai xefes de Departamento, que mandan no diurno e nocturno, que libran máis que calquera cargo directivo… 

Denunciar os privilexios e desigualdades nos centros educativos públicos, coido, que é un acto nulo de pleno dereito, porque ninguén fai caso das denuncias do profesorado, pero, como é tan fácil denunciar, cumpre facelo: abonda con facer copia dos horarios xerais con cargo a usos administrativos, marcar con fosforito as irregularidades, privilexios e resto de mamonadas, e mandalas, firmadas ou anonimamente, ao Delegado Provincial, Consellería de Educación, Centrais Sindicais, -ou por Fax dende o propio centro. Que pague o Estado! Coidadiño que pode haber horarios paralelos!- Incluso, podedes mandalos a esta bitácora se tedes medo á represalias, garanto o anonimato…

Neste blog, na lista de ligazóns, tedes o regulamento orgánico vixente dos centros educativos públicos e un formulario de suxestións e queixas…

 O normal sería que os inspectores investigaran a fondo, que para eso están, pero, cando visitan os centros, péchanse nos despachos cos membros das xuntas directivas e punto, ou limítanse a pedi-las programacións, que non valen para nada, cando non lle preguntan aos xefes de departamento, que tal se portan os profesores integrantes do mesmo, como se fosen espias…

Da Mesa Sectorial mellor non falar

Ollo! Se es ti, o denunciante, quen vai pola Inspección ou pola mesa, axiña se poñen en contacto cos directores/as nomeados a dedo e xa se sabe, pasarás de víctima a verdugo, agás esteas afiliado a algún Sindicato. Pero a tes clara como os infractores do teu centro educativo estean tamén afiliados aos sindicatos maioritarios, vanlle dar a razón a eles, porque son xente moi prestixiada, grazas as cabras tolas da lexión, que os apoian en todo… 

Menos mal que termos INTERNET, porque a Prensa tampouco se fai eco do mal roio que hai no Ensino Público mal chamado non universitario…

Ánimo coleguiñas, dignifiquemos o ensino público! Acabemos coa corrupción! Non máis cargos a dedo! FINA Roca.

?