Maio, maio, entra de crego / non revolbas o tempo… Aí ven o maio pola calle de abaixo/ aí ven o maio de roubar un refaixo/ aí ven o maio pola pescadería/ aí ven o maio comendo pan e sardiña…
Campo de Urraca é un barrio Viveirense con moita marcha que ensalza todas as festas populares, incluso, a procesión dos nenos. Outrora as nenas saían coa cruz de maio polas rúas, para atoparse cos maios; ían vestidas de branco cos traxes da primeira comuñón, portando guirnaldas, frores, cruces e bandexas cubertas de pétalos para pedir esmolas. As nais axudábanas a formar arcos de mirtos e flores. Os rapaces pola súa banda saían cos maios, unha especie de espantallos formados con canas, fiuncho, ramas, vimbios, varas de salgueiro: tirábanse mortos no chan pero axiña resucitaban, o que viña ser a resurreción do mundo vexetal tras o longo inverno.
Os maios son manifestacións colectivas do denominado Ciclo de Maio, un tempo comprendido entre mediados de abril e mediados de maio: entre maio e abril sae o cuco do cubil. Tres xoves hai no ano que relucen máis co sol: Xoves Santo, Corpus Christi e Ascensión.
En Viveiro os maios saen todos xuntos.
Luciano López Río é a alma mater da festa dos maios: vai vestido cun traxe feito con canas verdes, que pesa veinte kilos aproximadamente. Os acompañantes cantan os maios e piden esmolas polas rúas parando nos bares máis tradicionais. As nenas van vestidas de primeira comuñón cos arcos de mirtos e frores tal como podemos observar nas fotos. Levan maiolas e noces e cantan os Maios acompañados dunha pequena orquestra invitando a todos os presentes a acompañalos. Este é o Maio de Campo de Urraca o máis galano que ten a comarca. Velaiquí o maio:
Texto e fotos: Fina Roca