O percebe é un crustáceo que sabe a gloria bendita! Crece nos cantís, na mar batida e a súa pesca resulta difícil e perigrosa. Actualmente hai tantas mulleres coma homes dedicadas a este tipo de pesca. Nunca me parecerán caros, e non coñezo a ninguén que se intoxicara con percebes. Imposible! Non se perden! Non ho! Non lle damos tempo…
Só o petróleo do Prestige acabou con eles. Pero se recuperaron, grazas a Deus…
http://gl.wikipedia.org/wiki/Percebe
Os do Roncudo teñen moita fama, pero os que se pescan nos acantilados de Cedeira son boísimos, como o resto das costas galegas onde a mar sabe a mar. Na vila mariñeira de Cedeira veñen de celebra-la undécima edición da festa do percebe, pero podemos comelos perante todo o verán.
Propoño un paseo cara a lonxa de Cedeira para ve-los percebes e resto de peixe, anque ao estar informatizada perdeu parte do seu encanto…
Camiño da lonxa de Cedeira:
Xardín i estrada que levan á lonxa. A medio camiño atopamos o monumento á muller do pescador: << A Confradía de Cedeira á muller do pescador. No traballo e na vida compañeira… Agosto 1985>>
Dende o devandito monumento observamos a Lonxa:
Os nenos gozan no medio do xelo dos barcos mentres un vello mariñeiro observáos…
No interior da lonxa de Cedeira…
E chegan os percebes:
Que ricos! Cómo se fan os percebes?
Os percebes fánse sempre cocidos! Lavalos e quitarlle o cascaballo (todo o que se lle pega). Logo hai que botalos nunha tarteira ou pota cunha boa presa de sal e auga que os cubra, un dedo aproximadamente por riba dos percebes. En frío! Déixadeos que fervan. Tan pronto levanten o fervor apagade o lume, escorrer toda a auga e servir nunha fonte tapados cun pano blanco, para que se segan cocendo coa súa propia calor. O de botarlle ou non unha folla de loureiro depende do gusto de cadaquén, a min gústanme con e sen loureiro.
Unha antiga receta, moi mariñeira, é acompaña-los percebes con cachelos (patacas cocidas con monda). Estes días os percebes medianos, que están moi ricos, van a 35 euros o Kg. Pero os bos, os grandes, superan os 100 euros. Se podedes pagarvos un capricho, adiante! Pero os pequenos están tamén moi ricos, saben a mar e quitan o gusaniño…
Que llo pregunten ao mariñeiro que está amarrando a chalana preto das casas dos mariñeiros, casas para coser redes e gardar aperos, pero parecen chalés:
Texto e fotos: Fina Roca