Mercados de Abastos

Mercados de abastos

Como habitual usuaria dos mercados municipais, cando viaxo, gústame visitar os zocos e prazas de abastos dos lugares nos que me atopo, deixándome guiar polos sentidos da vista, olfacto e gusto, porque detrás de cada mercado non so hai os mellores produtos alimenticios frescos, senón tamén as grandes historias. Comparo prezos, sabores e aprendo
nomes noutras linguas. Ás veces atópome con especies que nunca antes vin e outras resúltanme tan coñecidas como as
sardiñas, que son un alimento básico en case tódolos países costeiros do mundo e prepáranse do mesmo xeito —á
grella, fritas, rebozadas, recheas, escabechadas, cocidas, en conserva, prensadas…— Apenas se diferencian no sabor
nin no nome: sardinhas (portugués), sardines (francés e inglés), sardelas (italiano), sardéllas (grego), sardalyas (turco),
samak alsardín (árabe)…

As Prazas de Abastos son moi antigas, porén, xeneralízanse no século XIX nos centros urbanos por razóns hixiénicas en edificios cubertos, a miúdo históricos, para poder abastecer as novas cidades industriais. Hoxe case tódalas prazas das cidades galegas e do resto do mundo son importantes paradas turísticas, lugares de encontro, de intercambios culturais e ocio; teñen servizo a domicilio, venta online e, incluso, cibermercados de excedentes alimenticios. Son un referente histórico dos lugares nos que se atopan: se os mercados van ben, os Concellos tamén van ben. Se van mal, a decadencia municipal está servida.

Tal é o caso da Praza de Abastos de Viveiro construída hai 100 anos (1924/25) onde antes había un Alfolí do sal , entre
as rúas Raíña Mercedes (actual Pedro Farto), Benito Galcerán e Avenida Cervantes; foi presupostada en 120.000 pesetas
sendo alcalde Xesús Franco (Heraldo de Viveiro 25/10/2024). Trátase dun edificio moderno dunha soa planta rectangular,
con tellado a dúas augas, frontón triangular, pintado de azul e branco, coma o Pósito, de altas fiestras cegas, contras de
ferro forxado a xogo coas portas, similar aos pequenos mercados de ferro que se estenden polo Cantábrico. Outrora
había moita actividade dentro e fóra da praza, onde se vendía todo tipo de produtos. No interior da praza había postos pechados para as carnicerías e corridos para as peixerías. As
pescantinas utilizaban básculas de pesos de ferro e latas de marmelo para gardar os cartos.

En Viveiro había unha pequena lonxa pegada á praza pola rúa Benito Galcerán, onde hoxe gardan os contedores de
lixo, na que só pesaban o peixe e daban os tiques, xa que puxar, puxaban fóra; tal é o caso de Noíta e Xosé, o inglés,
que rulaban na rúa a viva voz. As pescantinas mercaban e vendían o peixe alí mesmo ou mandábano para Lugo. As
datas de máis volume de vendas foron nas décadas dos 60/70 e principios dos 80, mesmo había algún que outro
armador de Celeiro que vendía na Confraría de Viveiro, en especial congros e raias. Antes de facer os impresentables
recheos da ría de Viveiro, os barcos madeireiros e os de pesca da baixura atracaban no peirao: hoxe sería imposible
porque non hai calado suficiente. A praia de Covas era tan rica en bivalvos, que metías a man na area mollada e
sacabas unha boa presa de navallas ou berberechos. Os berberechos collíanse libremente, pesábanos e pagábanos
nun almacén que había fronte da praza ao outro lado da estrada e metíanos nos camións: Demófilo era un dos que
máis marisco transportaba, pero tamén as da Guisa de Viveiro e a Chavinesa, que segundo consta o cartel que ten no
posto da peixería empezou contra o ano 1935.

Esta praza estivo a piques de desaparecer…

Na década dos noventa o Concello anunciou con grande alarde
publicitario, que ían facer unha praza nova no recheo da marisma, entre o casino novo e a estación de autobuses
(Acta da S.O. do 09/11/1992), pero era máis rendible facer un Centro Comercial privado: o Mega Claudio, inaugurado
por Manuel Fraga (15/12/1994) sendo alcalde de Viveiro César Aja, que sete anos despois (3/04/2001) será o Híper
Haley do grupo Gadisa e Gadis Hiper desde o 2012 ata agora. Dous días antes da inauguración do Claudio, segundo
consta nunha placa no interior do mercado, abren a praza ao público (13/12/1994); mentres durou a remodelación
estivo nas casetas de metal da Feira do Libro, preto do asilo.

Esta praza foi sempre un referente histórico para a
compra diaria de peixe e marisco da lonxa, carne de criadores locais —que o teñen duro dende que precintaron e
desmantelaron o matadoiro comarcal de Viveiro—, embutidos, hortalizas e panaderías tradicionais, como a de
Patricia Álvarez de Máis que Pan, que tivo que pechar tras 18 anos de actividade por non atopar xente para traballar
no obradoiro familiar do polígono de Camba (Xove): «Non hai quen queira traballar de panadeiro/a, e menos de noite.
Non é cuestión de cartos, é un oficio moi duro! O obradoiro segue pechado en excelente estado de conservación. Non
foi fácil pechar algo que funcionaba tan ben por falta de persoal, as vendas na praza cuadriplicábanse no verán».

Dende a remodelación do ano 1994 pouco ou nada fixeron pola conservación da Praza de Abastos que dá mágoa vela
con case todos os postos pechados e o chan sempre mollado. Os postos que pecharon non volveron abrir porque o
Concello non volveu convocar as puxas necesarias…

Ata o mes de agosto do ano en curso había catro postos abertos ao público: tres peixerías —As Chavinesas, Ramona das Monxas e Díaz Arnejo— e a tendiña de Lore coas súas
delicatessen de Galicia e Asturias. A última froitaría pechou no mes de xullo, Lore tivo que facelo o 31 de agosto pola caída do índice de ventas tralo abandono do mercado e o peche dos postos tradicionais, en especial a panadaría de Patricia, que daba moita vida á praza. Resisten as pescantinas, que non só
ofrecen unha gran calidade nos peixes e mariscos frescos,
senón tamén un magnífico trato personalizado. Ramona
Ramil, filla de Xosé O Inglés e Mari Carmen a Monxa, vén
de coller a xubilación tras 25 anos ao pé do canón sen
perder o sorriso: deixa ao seu fillo Xosé (cuarta xeración)
na peixaría, quen coñece ben o oficio, xa que tivo as mellores mestras: bisavoa, avoa e nai. O Concello leva meses
anunciando que vai rehabilita-la praza! Porén, o mal xa está feito e oxalá non sexa irreparable! Os postos que
pecharon nunca volveron abrir e moitos/as das habituais clientas cambiaron a praza polas grandes superficies
comerciais onde teñen de todo. Canto pechan, acaba
mal: derrubaron o casino vello e o novo deixárono caer,
tiraron o matadoiro vello e o novo está en ruínas,
pecharon o bar do parque e non o volveron abrir,
desfixeron os xardíns e non volveron a facelos, cortaron
arbores senlleiras, e non volveron plantar, pecharon
Viveiro ao mar e non volveron abrilo… A cidade ten
outro mercado de alimentación ao aire libre: o do xoves
na praza Pastor Díaz. Un luxo para os sentidos, no que os
labregos/as dos arredores ofrecen produtos frescos de
temporada de gran calidade sen necesidade de
intermediarios. Funciona ben, pero xa funcionou mellor!
Non deberían cambialo tan a miúdo de sitio porque corrémo-lo risco de que a venda tradicional desapareza en
beneficio dos camións de venta ambulante, cando se celebra no paseo marítimo hai menos vendedoras das súas casas
que na praza. Ten máis dun século, e ao longo da historia conviviu coas festas patronais ata que cambiaron a Pastor
Díaz de sitio, para ver mellor a Mostra Folclórica…

 

 

Foto do arquivo de Foto Carlos.
A esquerda da foto do arquivo de Foto Carlos o alfolí do sal onde se construiu á actual praza de Abastos de Viveiro.

Cargando os berberechos no camión.

Pura da Chupitina e Marianela vendendo agullas. A caixa do peixe co nome das pescantinas. Foto Carlos 1961
vendendo e mercando chicharros. Marianela, Carmen da Taragalla, Blanca da Chiruleta, Lolita da Guisa e Carmen Fustes, Foto Carlos1963
Rulando diante da praza, pesando os berberechos. O municipal é Xosé do Pirixel (Revólveres)

Dedicado ás tres peixerías de Viveiro que resisten
no Mercado, en especial a Ramona das Monxas pola súa merecida xubilación. Fina Roca Díaz  Reportaxe publicada no Heraldo de Viveiro o 29/11/2024