Centos de miles de persoas se manifestaron en Madrid para impedir que o goberno de Zapatero negocie coa ETA a fin da violencia, cousa que debería alegrarmos a todas e todos. Pero non! Neste país de pandeiretas e gaitas, a división de tribos e castas, de dereitas i esquerdas, é un mal endémico, coma a SIDA en África…
As dereitas españolas aprenderon a manifestarse tarde, mal e a rastreas e aínda lles falta un fervor! Necesitan practicar moitos anos na oposición, facendo cursos na clandestinidade, para acadar o certificado de Iniciación en Mobilizacións! Terán que mover tropecentas pancartas se queren saír na foto! Non dubido que Almodóvar sabrá sacarlle partido á familia feliz àmericana con Ana Botella de protagonista, manifestándose diante do Parlamento cos seus doces cachorros, recen saída da perruquería con zapatos de Adolfo Domínguez de tacón de agulla, e vestida por Cristian Dor…
Ó PP só lle falta asumi-lo papel dos Sindicatos e convocar unha Folga Xeral! Por min que non quede! Anque non creo que ós seus socios capitalistas estean a favor de mobiliza-las masas en contra dos seus intereses económicos…
SER DEMÓCRATA É UNHA ACTITUDE PERMANENTE CARA Á VIDA, mal que lle pese a Federico Jiménez Losantos, o actual portavoz da clase VIP de machotiños ibéricos, deses bispos e cardeais, que viven a corpo de rei sen rascar pancada, grazas en parte o Goberno Zapatero, quen non se atreve a quitarlle as millonarias súbvencións estatais, permitindo que as clases de Relixión sexan de oferta obrigada, fronte á Cultura Clásica, que forma parte do amplo ábano das optativas da ESO! A boa hora ía ter choio o Ximénez se a Xerarquía Católica deixara de chupar do bote…
Persoalmente RAJOY dáme mágoa e Gallardón móveme á risa polo seu papel de florentino fronte a derechona cristiá do seu propio partido! Nembargantes, Acebes e Zaplana métenme medo coma Hitler! Non saben perder, gústalles moito mandar con promesas inverificables de salvación eterna, non se resignan a formar parte da oposición e buscan o poder a calquera prezo. De Fraga non se sabe nada dende que abandonou Galiza para exercer nos madriles de senator consultor…
O PP se caga pola pata abaixo só de pensar que ZAPATERO poda conseguir o desarme da ETA! A repercusión internacional non se faría esperar e non dubido que, algunha Asociación de Víctimas do Terrorismo, ía propoñelo para o Premio Nóbel da Paz! Quen vería a Aznar morto de rabia…
Mal anda quen utiliza ás víctimas do terrorismo por intereses partidistas! Deberían aprender de RIGOBERTA MENCHÜ e das AVOAS do Maio Arxentino, que souberon enfrontarse ós Terroristas de Estado sen máis armas ca palabra cunha diadema de flores e un pano na testa…
Ollo! Que os terroristas, como os psicópatas, carecen de sentimentos, matan de oficio, como os exércitos de ocupación! Coidadiño que habelos, hainos por todas partes e de todo tipo: islámicos, etarras, de xénero, de Estado…
A meirande parte das mulleres estamos a favor do desarme mundial, porque non queremos parir máis fillos para a guerra…
Fina Roca.
O Valedor do Pobo Galego nega que exista discriminación laboral coas mulleres
Xosé Ramón Vázquez Sandes, actual Valedor do Pobo dende o ano 2002, ven de negar a existencia de discriminación contra a muller. Vamos! Este home vai moi vello, ou está chocho…
Imos refrescarlle a memoria! O nº de mulleres asasinadas en España polos seus homes, ex maridos ou compañeiros
sentimentais, de xaneiro a outubro de 2005 foi de 52. Segundo os datos do Observatorio contra a violencia doméstica e de xénero, do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), no primeiro semestre do ano, en España, 20.271 mulleres solicitaron protección, das que os xuíces concederon 15.330, o 76%… Desgraciadamente a loita pola igualdade entre homes e mulleres é un campo duro de roer: a Amnistía Internacional me remito. En España, non só están discriminadas as mulleres analfabetas e con estudios primarios, senón as tituladas superiores. Na ensinanza, malia que hai máis profesoras ca profesores, os presidentes dos Tribunais de Oposicións (cargos designados a dedo e ben remunerados) son case sempre homes. Cantas Rectoras e Decanas hai? Cantas mulleres existen no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia? Cantas Valedoras do Pobo? Ningunha…
Invito ó señor Sande a patear os barrios marxinais das cidades galegas, para observar en directo, como viven as fillas/os do paro e maila droga, en que condicións traballan moitas mulleres empregadas do fogar e da rama do textil para sacar adiante ás súas familias. En Coruña proliferan os baixos, tipo garaxe, sen ningún tipo de seguridade ambiental, onde as traballadoras perden a vista por un salario miserable, sen Seguridade Social, cosendo noite e día roupa de vestir, sabas, cortinas, edredones etc. Non fai falla ir a Portugal para ver coser zapatos de firma a mulleres e nenos…
Non hai denuncias porque a moitas mulleres, xente do común, non lle queda máis remedio que traballar para as subcontratas dos grandes capitostes, de Zara por exemplo, se queren comer quente sen ter que mendigar ou pasar po Caritas…
En canto as tituladas superiores, non nos pode negar o Valedor do Pobo que, algunha que outra queixa de mobbing manifesto nos seus respectivos postos de traballo si que tivo. Pero nin caso lles fixo! Como tampouco llo fixo ós inquilinos e propietarios da casa de Barro de Viveiro que recurriron a el, para que intercedera polas mulleres de moitos anos que se quedaban sen fogar por mor dunha cacicada manifesta, sancionada polos tribunais de xustiza. Fina Roca.
O Papa Pepiño Ratzinguer…
Con motivo do V encontro mundial das familias católicas, apostólicas e romanas, o actual Papa, Ratzinguer, estivo de vacacións en Valencia arroupado polos reis das Hispanias, presidentes estatais e autonómicos, alcaldesas, membros do Opus Dei, políticos de dereitas e esquerdas e, naturalmente, polo súper embaixador Paquito Vázquez de la Coruña con tropezentas medallas colgadas do pescozo e unha torre de Hércules dedicada. Faltaba en primeira liña papal, o papanatas Federico Jiménez de los Santos rezando de xeonllos o rosario da Aurora cos brazos extendidos cara á COPE en actitude orante…
O xefe de Cidade Vaticano, o Estado máis clasista e pequerrechiño do mundo, onde só poden votar os varóns con rango, debería viaxar en kayuko para predicar en nome de Deus, non en avións privados e súper coches de gama alta, amén de papa móbil blindado, rodeado de policías armados, a conta dos contribuíntes. Se Cristo levantara a cabeza, a Pepiño Razinguer habíao de azoutar na Basílica de San Pedro por estar rodeado de boato, facendo ostentación de luxo, vivindo en pazos arzobispais e deixándose seducir pola jet set, ese stablisment dirixente, tipo Aznar+Bush, que tanto lle gusta ó Papa, ó presidente da Conferencia Episcopal e bispo de Mondoñedo, desprezando a pobreza dos que non naceron cunha man diante e outra detrás…
O Papa, para dar exemplo, como mínimo, debería trasladarse de Roma Valencia remando na lancha de pedra de San Andrés de Teixido…
Que cabrón!Puxo cara de satisfacción, cando os gilipollas de turno insultaron a Zapataro na súa presencia. Claro que, a Zapatero estalle ben, por non plantarlle cara á Curia Catedralicia, e por seguir coa Relixión como materia de oferta obrigada na ESO! Como se non soubesemos que a Igrexa é a única Institución española que cobra do Estado por facer propaganda de se mesma…
Nada direi do pasado hitleriano deste Papa que vai de modelo de virtudes ultraderechistas. Vamos! O tal Benedictus é inimigo a ultranza do laicismo, da libertade persoal, da liberación feminina, da diversidade sexual e da Teoría da Liberación. Faltaría máis! Non sabe o que se perde! Que desperdicio de home! Non ten sentido facer ostentación de riqueza ó tempo que condena o amor entre persoas do mesmo sexo, negándose admitir os beneficios do uso dos preservativos…
Cos cartos que se gastaron en Valencia para recibir a un Papa inimigo da tolerancia e da democracia había dabondo para salvar a milleiros de meniños africanos dotando as súas aldeas de menciñas e alimentos…
Habemus Papa! Pero nós non o votamos, nin poderíamos votalo anque nacéramos en Cidade Vatico…
Ola Mundo!
Benvida/o á Bitácora de Fina Roca. Este blog está aberto a quen me quere ben e, tamén, a quen non me quere mal…