Artigo de Fina Roca publicado no Heraldo (07/12/2023) sobre as consecuencias do urbanismo salvaxe no Litoral e nas Praias de Viveiro.

 

As praias de Celeiro e Viveiro

Dicíame Rolindes, nunha entrevista publicada no Heraldo (30/09/1994), que os concesionarios do varadoiro co visto bo do Concello, Costas e Portos, intentaron acabar coa pouca praia que lles quedaba en Celeiro, para facer un xardín cunha pasarela de cemento, porén as mulleres non llo permitiron: <<manifestámonos coas crianzas na praia ata que desistiron. Mira ti! Un xardín na praia?! En que cabeza cabe? Nin que fósemos parvas e non soubésemos que querían ampliar o varadoiro…>> Rolindes Baño Louzao (1934-2021) —mariñeira titulada, que durante tres décadas dedicouse á pesca artesanal de baixura, única armadora de Celeiro, memoria viva do sector pesqueiro europeo— loitaba polo areal urbano e doíase da perda das praias de Lavandeiras, Espiñeira, Golpes, Covas

En Celeiro levan máis de cincuenta anos pelexando cun varadoiro invasivo, instalado no medio da praia, a menos de quince metros das casas. Ten unha concesión Portuaria (17/09/1968) que vence dentro de catro anos (15/12/2027) cuxa solicitude de prórroga está sometida a información pública (17/08/2021). Daquela os barcos eran de madeira, tiñan pouca tonelaxe e pintábanse a man, pero agora son de aceiro, pesan 500 toneladas e contaminan máis que cando os carpinteiros de ribeira se encargaban da reparación e mantemento dos barcos de pesca, e necesitan máis espazo. Os varadoiros/estaleiros están sometidos á Normativa de Resgos Laborais, Saúde e Medio Ambiente, é dicir, que teñen que facer un control rigoroso, fiable e constante da contaminación acústica, emulsión de partículas nocivas e sistema de recollida de augas para evitar vertidos ao mar. A contaminación visual é evidente…

Nisto das concesións, quen ten padriños sálvase e quen non os ten, non! Na Casa-Barro de Viveiro —por poñer algún exemplo de concesións anuladas— os inquilinos, propietarios, empresarios e empregados foron desaloxados (2002) en tres días, sen ter resoltos tódolos recursos e sen dereito a ningún tipo de indemnización, vivenda ou negocio alternativos. Derruída no 2003, malia ser o último exemplo da arquitectura racionalista de tipo barco de Galiza, se cadra de España. Mandada construír (1930) por José Barro González (1873-1943), que foi quen de fabricar en Chavín o primeiro automóbil galego, entre outras moitas cousas…

Os cruces de acusacións, a falta de entendemento entre os partidos políticos do Concello, Portos, Xunta de Galicia e construtores sen escrúpulos acabaron coas praias. Na década dos setenta para facer a estrada de Viveiro a Celeiro pola costa —en lugar de arranxar a que xa existía polo Pirixel (LU-102) —sacrificaron a dos Golpes (raposos)  e a de Lavandeiras que non estorbaba ao trazado, pero había que recheala e racheárona.

En Celeiro morreron (mataron) as praias e a que queda está okupada por unha empresa privada… Se as de Celeiro morreron, as urbanas de Viveiro están feridas de  morte: Sacido situada ao pé dun acantilado está pechada aos usuarios (2019), non polos fenómenos meteorolóxicos, como proclaman algúns interesados, senón máis ben pola construcións dun paseo marítimo dende a desembocadura do río Loiba ata Sacido e dun complexo hoteleiro de 30.000 m² valados situado na parte máis alta do acantilado cunhas vistas panorámicas espléndidas. A execución das obras nun terreo de elevada pendente alteraron un hábitat típico das costas atlánticas e bálticas coa súa frondosa vexetación e árbores autóctonas. Tanto remexido de terras, desmontes, formigón, incendios intencionados e talas salvaxes, produciron a erosión dos cantís cos consabidos derrubes. Menos mal que, de momento, paralizaron a II fase do paseo marítimo dende Sacido ao miradoiro da Silvarosa, porque as consecuencias medioambientais serían desastrosas.

A cala máis linda de Viveiro está pechada ao público dende hai cinco anos, a de Seiramar é unha pedreira e a praia de Covas está ferida de morte dende que ampliaron o espigón de Celeiro (1983), que cambiou a dinámica das mareas e, non contentos con este, construíron outro en Viveiro de 850 metros² (1986) para canalizar o río Landro, cuxa canle chegaba maxestosa ata Celeiro. Na praia de Lavandeiras construíron unha piscina cuberta, un campo de fútbol e outro da festa, na dos Golpes unha Depuradora; na de Viveiro, entre outras moitas barbaridades, fixeron un campo de rugby no Cembedo e no navallal un xeriátrico xestionado pola empresa privada Domus VI que forma parte dun holding con capital voitre francés e inglés, cuxa empresa matriz está demandada polo alto índice de mortes nas súas residencias durante a pandemia.

O Concello de Viveiro, presidido por Melchor Roel (RIP), negociou (2007) con Sogaserso —Sociedade galega de Servizos sociais impulsada por Anxo Quintana (2006) durante o bipartito— a construción dunha residencia de maiores nun terreo de propiedade municipal na que tódalas prazas serían públicas (La Voz de Galicia 24/11/2007). Trala vitoria de Núñez Feijóo (2009), a Xunta despréndese do 45% das accións a favor de Geriatros de Caixanova —que participaba coa Caixa de Galicia co 55% restante.— A fusión das Caixas galegas de aforros (2010), impulsada tamén por Feijóo, formaron un novo banco (NovaCaixaGalicia) que acabou cos seus directivos no cárcere e vendido a prezo de saldo. A partir do 2014 a nova marca das caixas galegas pasa a ser A/Banca e a de Geriatros (2017) Domus VI. O xeriátrico da domus viveirense está asentado nun terreo de titularidade municipal. Ollo! Que como non  espabilen no Concello, transcorridos 30 anos da concesión, poderán mercar o mellor solar de Covas a prezo de saldo…

Celeiro ben merece unha praia e Viveiro recuperar as que ten feridas de morte. Fina Roca.

 

.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Carta aberta a Núñez Feijóo

 

Carta aberta ao presidente do PP

Quo vadis Alberto Núñez Feijóo!? Por que non queres amnistías para os acusados no procés? Pois xa me contarás como puideches chegar a presidente da Xunta de Galicia, senón amnistiasen e indultasen a tantos políticos e militares da túa vara trala Constitución do 1978: o punto final. Seica non sabes que o teu mestre e amigo Fraga Iribarne foi ministro e embaixador de Franco? Que me dis dos teus socios de investidura frustrada— VOX— que reivindican os crimes franquistas e negan a violencia vicaria? Despois de todo os cataláns só utilizaron as urnas para escrutar o que pensaban os cidadáns, nin mataron nin arruinaron a ninguén. Deberías ter dimitido cando vendiches, como presidente xunteiro, as residencias de maiores a un holding de empresas con fondos voitres de orixe francés e inglés —Domus VI— cuxa empresa matriz está demandada por desatención e polo gran número de mortos perante a COVID, xa sei que non che gusta, que a prensa fale de cando obrigaches a fusionar as Caixas —Caixa Galicia e Caixa Nova (2010)— para formar un Banco —NovaCaixaGalicia— que acabou cos seus dirixentes no cárcere, e que foi vendido a prezo de saldo. Recordas as Preferentes? Esquecícheste de que tan pronto chegaches ao poder, aumentaches as dotacións económicas ao ensino privado, suprimindo a gratuidade dos libros de texto no ensino público? Pero destas cousas non se fala na prensa tóxica. Pero tranquilo tronco! Cando queiras falamos de indultos disfrazados de absolucións, como o de Rodrigo Rato, por estar quen está no Tribunal Supremo, ou da Sanidade pública en Galicia. Mal que che pese non vas pasar a Historia como un político xusto e democrático, senón coma o presidente dun partido de dereitas, que por querer gobernar meteu no Parlamento e nas institucións á extrema dereita, e isto ningunha persoa con sentido común, en especial as mulleres, ímolo perdoar. Por certo, quero que saibas que eu non votei ao actual presidente en funcións do Estado Español, pero posta a elixir… Fina Roca

 

 

Exconxuros poemario de NMerche Antón

Merche Antón, actriz, cantante lírica e poeta, vén de presentar o seu poemario Esconxuros na Coruña. Pasar unha tarde outonal no incondicional marco do salón de actos de Portas Ártabras, na cidade vella, non ten prezo! Un luxo escoitar á poeta e ao actor Santiago Fernández recitar os versos de Merche Antón. Cabe subliñar que o poemario está ilustrado por Siro quen fixo unha interesante presentación da autora e do seu libro editado por Medulia. As reflexións de Merche sobre  esperar tanto tempo para publicar a súa lírica noin deixaron indiferentes a ninguén.

Santiago Fernández, Siro López e  Xulio Valcárcel.
0:35 / 1:59
0:00 / 1:11
Luz Darriba, Myriam Goluboff e 7 máis

Xoguetes para nenos cegos

 

Xoguetes para nenos cegos

(Luz Darriba)

Xoguetes para nenos cegos é unha novela curta narrada en primeira persoa por Xosé, un home xa maior, que rememora os tempos vividos da posguerra na súa aldea natal. Luz Darriba Magadán escribiuna en galego no ano 2014, nun momento moi duro da súa vida, de desesperación, segundo conta: «A miña nai estaba agonizando en Bos Aires e eu estaba en A Coruña sen poder estar a súa beira.…» Foi publicada en castelán no 2016 (Ed. Tandaia) e en galego no 2021 (Ed. Belagua). Ten un interesante e acertado limiar da escritora Helena Villar Janeiro.

A novela narra a historia de dous rapaciños dende os dez anos ata que son adultos: Xan é un neno cego de nacemento, rico de máis, que vive no ostentoso e amurallado pazo dos Pena Moura, na casa máis grande e rica do lugar. Xosé é vidente pero moi pobre, que malvive nun chamizo con tres adultos ?os seus pais e a tía Pepa?, dúas vacas e unhas poucas galiñas. A súa casa é tan pobre e triste, que ten as portas pechadas á esperanza. Xan é fillo dun militar con mando, que pertence á cara triunfante da guerra fratricida, a do bando dos gañadores: a súa familia xa era rica antes da guerra e posúa moitos brasóns. O pai de Xosé é do bando oposto, pertence á última escala social, a dos perdedores pobres, era un home moi triste, que disparaba palabras como dardos, cando estaba borracho, e que xa renunciara a todo, incluso, ao seu propio fillo. O neno rico medra entre algodóns pero sen o agarimo dos seus pais, que están sempre viaxando, mentres el queda nas mans da servidume e dunha ama de cría perversa, quen lle fai crer que a súa cegueira era un castigo diviño. Xan estaba malcriado, era moi caprichoso e malia que posúa os mellores xoguetes do mundo, gozaba máis inventando cousas ou facendo falcatruadas, que xogando con eles. Tiña un can guía, que  morre en estrañas circunstancias e, como non quería máis cans, decide co beneplácito dos seus proxenitores contratar a Xosé, quen vai vivir a súa casa  sen que ninguén o consultase, para servirlle de guía. Para a familia de Xosé a súa marcha representaba unha boca menos que alimentar e vestir, e uns cartos no peto polos servizos prestados. Xosé non tarda en descubrir o ben que viven, comen e dormen os ricos! Tamén descubre que Xan era máis listo ca fame e que era capaz de velo todo cos seus enormes ollos de azul agrisado, malia estar ‘baleiros de posibilidades’, mesmo xogaba ao xadrez sen tirar ningunha peza. Xosé convértese nun apéndice de Xan, o seu novo xoguete mercado polos seus pais, para telo contento. O neno rico é maligno e vingativo, pero ao neno pobre ao principio non parece importarlle…

A autora utiliza a Biblia como intertexto, para sinalar os capítulos desta gran novela, invitándonos á lectura activa e reflexiva dos aconteceres cotiáns en Pena Moura; partindo das citas do Antigo e Novo Testamento fainos mergullar naqueles tempos de opresión, miseria e incultura. Luz Darriba, como gran lectora, é consciente de que cadaquén ten unha maneira especial de ver e interpretar as cousas reais ou fabuladas. O caínismo, tema permanente da literatura Universal, está presente nesta novela: o conflito permanente das dúas Españas trala guerra incivil. Caín é o primoxénito de Adán e Eva, o primeiro fillo varón e  o primeiro fratricida da Historia.

Xoguetes para nenos cegos comeza coa cita bíblica de Mateo 12, 43-45. Mateo era recadador de impostos e debido a súa profesión era dos poucos evanxelistas, por non dicir o único, que sabía ler e escribir. Non! Non é casualidade que Luz Darriba recorra a Mateo para empezar a historia dun neno pobre sen escola e doutro rico que lee e escribe en braille en varios idiomas. Unha historia que, como a propia autora indica, transcorre nun lugar apracible, en aparencia. Porén, como en Caín e Abel, a condición humana pode chegar aos límites incribles de crueldade e submisión, á cegueira humana, na que os pobres sempre levan as de perder.  A novela lese dun tirón porque a intriga vai in crescendo ata chegar ao derradeiro capítulo coa súa correspondente cita bíblica: Jn 8, 81-32, díxolle Xesús aos xudeus, «coñeceredes a verdade, e a verdade faravos libres». Un final inquietante e misterioso. Fina Roca.

.

 

Tras el telón de acero

Tras el telón de acero ( Hijas del exilio) de Olga Lucas é un libro da memoria histórica e evocación dunha nena filla de exiliados españoles, que nace no exilio, e que vive tras o telón de aceiro… Olga Lucas, escritora, poeta, traductora e locutora de radio, dóese de que o exilio que ela viviu é dos menos coñecidos e estudiados. O libro presentouno Ángeles García Portela, profesora de Historia e colaboradora de radio Oleiros, no auditorio da Fábrica de Santa Cristina. Olga Lucas é a viúva do escritor e humanista José Luis Sampedro, a quen o Concello de Oleiros dedicoulle un parque co seu nome, que está presidido por un busto seu, obra de Álvaro Gil García. https://www.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/2013/06/22/oleiros-inauguro-parque-dedicado-escritor-jose-luis-sampedro/0003_20130620130622175124382.htm
Como colofón ao acto cultural, o cantoautor Félix Arias, interpretou cancións da súa propia colleita, de Tucho Boedo, Víctor Jara e Paco Ibáñez. Todo o acto foi moi clarificador, ilustrativo e ameno.
Parabéns ao Concello de Oleiros xa que non abundan os concellos que organicen no seu paraninfo actos como este, a presentación de libros máis ben é cousa das librerías, bibliotecas, editoriais ou das feiras de libros. Cabe subliñar que en todas as bibliotecas do Concello hai máis dun exemplar do libro que presentaron hoxe…
A autora conta no libro o seu propio exilio, o  dunha nena que tivo que abrirse ao mundo tras o telón de aceiro, que nace no exilio, que ten que enfrentarse a terras e xentes distintas, e que no falan como ela…
Fina Roca, https://www.aelg.gal/centro-documentacion/autores-as/fina-roca e Olga Lucas.
O concellal de cultura do concello de Oleiros facendo os honores.
O blog da profesora Ángeles García Port
——————————————————————–
Fina Roca.

 

Cidades Imposibles

Cidades Imposibles  é un ensaio poético escrito pola arquitecta Myriam Goluboff  e ilustrado polo tamén arquitecto Felipe Peña. Myriam fai unha profunda reflexión entre arquitectura, medio ambente, ecoloxía e saúde; mergullándonos en numerosos supuestos tan reais como a vida mesma, que poden facernos a vida imposible, cando estamos obrigadas/os a vivir en cidades horrorosas, deshumanizadas e de rañaceos imposibles. ¿Que facer se vives no derradeiro piso dunha gran torre de vivendas e quedas sen luz e auga durante días, meses, en pleno inverno, tendo que subir e baixar tropecentos andares, ou asomarte a unha fiestra sen ver nada? Porque << somos miles, somos millones, pero estamos solos, somos un hormiguero pero no sabemos coordinar una acción común como hacen las hormigas>> (OP9, pax 47).  Cidades nas que desapareceron os nenos…

Cada capítulo deste interesante libriño, que non deixa indiferente a ninguén, vén ilustrado cos fermosos debuxos de Felipe Peña Pereda, quen fabula cos seus recordos <<para elaborar unas imágenes que acaban pareciéndose vagamente a las ciudades que frecuenta.,,>>

Parabéns a ámbolos dous.

 

Capadocia

Navidades de 2017

Capadocia é unha rexión  histórica de Anatolia Central, en Turquía, que se caracteriza por ter unha formación xeológica única no mundo e por su patrimonio histórico e cultural.  No ano 1985 foi incluída pola Unesco  na  lista del Patrimonio da Humanidad, con una zona protegida de 9576 ha.1 

Estar alí é coma estar noutro mundo, nun lugar paradisíaco polo que non pasa o tempo.  Cpadocia siginifica un lugar de fermosos cabalos.

Fina Roca no val de Goreme. Un museo ao aire libre.

 

Na fábrica de alfombras da Capadocia

Fina Roca na árbore dos desexos, en Goreme.

Museo ao aire libre de Goreme http://www.goreme.com/spanish/goreme-open-air-museum.php

 

Fina Roca na cidade subterránea, http://www.goreme.com/spanish/derinkuyu-underground-city.php, son oito pisos baixo terra e as veces hai que pasar dunha estancia a outra a catro patas.

Mágoa non poder viaxar en globo por culpa da ventisca, pero outro ano será, non perdo a esperanza de volver a este maravilloso país. Fina Roca

Estambul

Visita a Estambul: Nadal 2016-17

Mezquita de SULTAN Ahmet (1603-1617). A Mezquita azul

A máis grande e fastuosa de Estambul. Está aberta ao culto e só os musulmans poden entrar pola porta principal. O resto entra por unha porta lateral,  descalzos e as mulleres con velo ou pano na testa que che proporcionan na garita de entrada. Situada ao lado do pazo de Topkapi. Recibe o nome de Mezquita azul polos 21.043 azulexos utilizados na súa construcción

SANTA SOFÍA DE CONSTANTINOPLA. AYA SOFÍA

Considérase a obra máis grande e sagrada do imperio bizantino. Foi utilizada como igrexa perante 916 anos (537-1453) e como mezquita 481 anos (1453-1934). Hoxe en día está aberta ao público como museo. Su cúpula de 55,6 m de altura está situada entre as cinco máis altas do mundo, ten forma de elipse. Os mosaicos son impresionantes…

MERCADO DAS ESPECIES

 

 

A voda de Saúl e Jorge en Viveiro…

Viveiro é un un logar moi entrañable da Mariña Luguesa O que non ocurre en Viveiro non ocorre no mundo enteiro. Ten de todo, praias, montes e montañas, festas patronais, entroido, Semana Santa, Naseiro, San Roque e cómo ¡Non! Xente do común extraordinaria, que mesmo vale para un roto que para un descosido. Quen pasa a Marola, pasa a mar toda e quen coñece Viveiro coñece o mundo enteiro.

http://www.viveiro.es/cast/index.asp

http://es.wikipedia.org/wiki/Vivero

Saúl e Jorge casaron o pasado nove de novembro. Meses antes, uns 360 invitados recibiron unha invitación impresa en papel de algodón con pigmentos naturais encapsulados en resina, que formaba parte dunha tirada única e exclusiva para este evento, limitada a quince unidades numeradas e firmadas polo autor…

¿Quen son Saúl Jiménez e Jorge Pernas? Dous fotógrafos de Viveiro moi loureados, que levan 10 anos vivindo e traballando xuntos con estudio aberto na FONTENOVA, fronte por fronte de onde empezou o tataravó de Sául, que ten o privelexio de pertencer a una saga de fotógrafos viveirenses, que ilustraron e ilustran a historia de Viveiro dos séculos XX e XXI. Saúl é bisneto de José Antonio D. Ariza, neto de  Carlos Jiménez e fillo de Emilio Jiménez. Saga que tamén continúan os seus irmáns, Simón e Samuel. Ariza chegou a Ferrol cunha cámara do minuto, o cine mudo e un carro tirado por unha mula e un cabalo, casou en primeiras nupcias cunha muller do Barqueiro e en segundas cunha viveiresa, pero esto é fariña doutro costal que espero vexa a luz non tardando…

Cabe subliñar que, Jorge e Saúl foron os encargados de face-la campaña do xaponés Issey Miyake:

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/amarina/2012/03/20/dos-fotografos-viveirenses-haran-campana-japones-issey-miyake/0003_201203X20C4996.htm

Páxina web de Carlos Fotógrafos:

http://www.carlosfotografos.com/

Os noivos ocuparon as portadas de prensa da Mariña luguesa, non por ser gais, senón porque foi a voda máis glamurosa de Viveiro e se cadra do mundo enteiro, malia que, como diría Abel, un dos trece testigos da voda, aínda falta moito para a que se tome con naturalidade a unión entre persoas do mesmo sexo. Viveiro lanzouse á rúa para aplaudir o evento ao grito de ¡Guapos! Anque tamén houbo quen desbarrou sentíndose ofendido no seu alter ego de ‘machotiño ibérico’ por saír en portada a unión dos homosexuais. Mal que lle pese o resto estabamos felices, en Viveiro non había unha praza hoteleira libre, porque veu xente de todas partes, e fotógrafos, máis de setenta.  A voda civil realizouse no romántico Teatro Pastor Díaz con música en directo, Soul, por un trío feminino; oficiada pola tenente alcaide María Loureiro. Un espontáneo berrou conmovido dende o galiñeiro ¡VIVA ZAPATERO! Pois sí senón chega ser por el non habería voda. Empezou as doce e media e rematou preto das dúas porque falaron os testigos e os espontáneos, como Raquel, tía de Saúl, quen afirmou que dende cativo sinalaba formas e tendecias, xa que gozaba vestíndose e calzándose coa súa roupa e zapatos, ou o humorista Carlos Jiménez, tamén tío de Saúl

Os noivos chegaron nun Morgan verde de dúas prazas conducido por Saúl, a xogo co seu traxe, todo moi inglés, Morgan que levou ata a carpa do restaurante Louzau onde se celebrou o convite, que durou ata as sete da mañá. O aperitivo foi a base de navallas, zamburiñas, xamón, empanadas etc, regado con bos caldos. De almorzo, percebes, camaróns, nécoras, carnes, postres… Logo empezou o baile con música en directo, barra libre, xelados, froitas frescas e golosinas; de cea churrasco e amburguesas. De madrugada empezou a actuación de drakuíns, para continuar a festa rachada ata as sete da madrugada.

http://www.lavozdegalicia.es/album/amarina/2013/11/09/espectacular-boda-gay-viveiro/01101384011132940486282.htm

Algúns momentos do evento:

P10007201.JPG

Avoas, tíos, tías, curmáns, amigos, músicos:

P1000774.JPG

P1000770.JPG

P10007151.JPG P1000705.JPG

P1000703.JPG

P10007271.JPG

P1000729.JPG

P10007341.JPG P1000737.JPG

P1000742.JPG

Quén dicía que Goreti parecíase a súa avoa, non o pode negar:

P1000748.JPG

Sintoo, pero o programa leva todo o día dándome o coñazo, non me deixa pegar nin correxir, así que non vou subi-los vídeos. Só dicir que os noivos están de lúa de mel por terras alén de nós, informándonos paso a paso por onde andan, por Argentina y Brasil, hoxe concretamente, estaban na Patagonia, pero de todo esto xa nos ilustrarán eles cando volten ao seu Viveiriño…

Texto e fotos: Fina Roca

?